Arrinca esta semana o Carballo Interplay

A terceira edición do CIP encherá Carballo de proxeccións, vídeo conferencias, conversas e concertos desde a quinta feira ao sábado. 

carballointerplay-tamaradelafuente
photo_camera Presentación do festival, co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro Xosé Regueira; a coordinadora de actividades, María Yáñez; e a directora, Sonia Méndez. [Foto: Tamara de la Fuente]

A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay converterá esta semana, de xoves a sábado, a vila coruñesa na capital da cultura dixital global. O Carballo Interplay, que nacía hai tres anos como o primeiro Festival de webseries do Estado, converteuse axiña nun referente estatal e agora avanza un paso máis, explorando os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis novidosos cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de música dende o xoves 5 pola mañá ata o sábado 7 ben entrada a madrugada. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto até completar aforo.

A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, fixo un repaso polo programa do III Carballo Interplay, amplo e diverso: "o xoves teremos unha tarde adicada aos contidos dixitais en galego; veremos en exclusiva a webserie Muerte al youtuber gravada a pasada semana en Carballo dentro das actividades formativas do Festival e haberá unha proxección pública e gratuíta dunha longametraxe que naceu en Internet e chegou ao Festival de Málaga, Estirpe". "Youtuber, Blogger, Viner, Prankster... o venres aprenderemos novos nomes e maneiras de crear na rede; falaremos con expertos como Andreu Meixide e Miriam Hernanz de narrativas de non ficción e do laboratorio de innovación dixital máis importante do Estado (e que pouca xente coñece); e gozaremos con dúas estreas: o falso documentalEntertainment e o novo show dos Venga Monjas, Da Suisa, nunca visto en Galiza". 

E o sábado "colleremos un pouco de perspectiva para ver como cambiou a cultura dixital no súltimos anos e cara a onde nos diriximos; aprenderemos dos Zopilote como plaxian as obras que ven en Internet e as adaptan en guións dalgunhas das series máis populares da televisión galega; viviremos un podcast en directo dos twitstars El Hematocrítico e Noel Ceballos, sobre a evolución do videoclip desde os 90 até os nosos días; e, xa pola tarde, despois da sesión vermú, gozaremos cunha das galas de premios máis divertidas e espectaculares da cultura galega recente, presentada por Iolanda Muíños e dirixida por Sandra Lesta". Pecharán a festa os Malandrómeda e a DJ Teresa da Praia, na Sala Dublín.

Concurso de webseries

O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá cada tarde, a partir das 16h, as proxeccións das webseries galegas e internacionais que participan no concurso oficial do Festival. Sonia Méndez, directora do CIP, explicou esta mañá, que "hai sobre todo comedia, pero comedia transgresora e orixinal, e tamén algo de drama e animación". O público que acuda ás proxeccións, que son de acceso libre e gratuíto, como todas as actividades do Festival, poderá ver propostas de todo o mundo e participar, coa súa votación, na selección da serie que recibirá o Premio do Público. 

O Carballo Interplay reparte nesta edición máis de 5.000 euros en premios: mellor webserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo. Ademais, haberá trofeos para a mellor actriz, o mellor actor, un premio AGAG ao mellor guión e un premio CREA á mellor dirección. Este ano, ademais, haberá un premio ao mellor proxecto de webserie en galego dotado con 1.500 euros para a gravación dos primeiros capítulos. 

Programa formativo

Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino... son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas puideron adquirir este ano no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, desde o pasado 12 de marzo até esta mesma fin de semana, na que dous grupos de nenos e nenas aprenderán a empregar paleta gráfica codeco ou a realizar emoticonos analóxicos mentres se desenvolven as actividades do Festival. Sonia Méndez destacou esta mañá a importancia deste programa formativo, que "descubre e apoia a xente creativa que no futuro xerará contidos dixitais para o Festival".

Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é "un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos" e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza "o liderado creativo de Carballo". "En Carballo estamos no mundo", afirmou Evencio Ferrero, "e as nosas landras deben medrar en todos os recunchos do planeta". Xosé Regueira, pola súa banda, destacou a importancia que ten o Festival para o tecido económico, cultural e social de Carballo e anticipou o apoio do Concello para a cuarta edición. 

Comentarios