O festival acollerá teatro, exposicións, conferencias e música

Arrinca en Rianxo o V Titiriberia coa figura protagonista de Barriga Verde

Desde mañá e até o 30 de decembro, a vila de Rianxo acolle o V Festival Titiriberia, organizado pola Asociación Morreu o Demo e que conta coa colaboración do Concello rianxeiro e da Deputación da Coruña. Unha ducia de funcións van integrar o programa deste ano no que tamén se inclúen mesas redondas, exposicións e obradoiros. 
Viravolta1
photo_camera Escena de 'O horroroso crime de Xan Miñoca', de Viravolta. (Foto: Nós Diario)

Viravolta Títeres é a compañía encargada de abrir esta quinta edición de Titiriberia, e faino coa representación de O horroroso crime de Xan Miñoca, inspirado na obra de Eduardo Blanco Amor, Amor e crimes de Juan Pantera.

O espectáculo, para todos os públicos, representarase no Centro Sociocultural A Capela do Araño ás 17 e mais ás 19 horas. Trátase dun espectáculo de monicreques de cachaporra (bonecos de luva, típicos do teatro de guiñol)  con música de piano en directo e no que "se descobre a verdade sobre os terríbeis crimes que cometeu tan perigoso personaxe”.

Tamén no Centro Sociocultural A Capela, o público poderá coñecer a exposición Onde foi Barriga Verde?, unha mostra que presenta unha reflexión xeral sobre a personaxe e o seu esquecemento, a historia dos Silvent, a importancia das feiras, o patrimonio inmaterial ou a tradición dos títeres europeos, entre outros temas.

Ao longo dos sete días que durará o festival, pasarán por Rianxo, ademais de Viravolta Títeres, compañías como Diáspora Teatro con Victoria. Nostalxias do pasado; Seisdedos Marionetas, con Este espectáculo foi ilegal; Fantoches Baj, e Os romeiros do caracol; Títeres Cascanueces, con O baúl de Barriga Verde; Fran Rei e O conto de Barriga Verde; a Cova das Letras, e o seu Teatro á feira; e o colectivo Indignati Asociación Galega de Commedia dell’Arte, con Ratas! 

Ademais haberá exposicións, mesas redondas e conferencias nas que se contará coa presenza de Borxa Insua, Lucho Penabade, Tero Rodríguez ou Esther Carrodeguas. E tampouco faltará a música, da man do grupo Áureas e Iria Pinheiro, que levan a Titiriberia 2020 o seu espectáculo As varietés do Barriga Verde.

Nesta edición, a primeira que decorre fóra do municipio de Teo, Titiriberia terá por obxectivo principal achegarlle ao público a longa tradición do títere tradicional e do seu arraigamento na cultura galega.

Neste ano insólito por mor da Covid-19, tamén se adaptará para cumprir as medidas sanitarias de protección individual e a limitación das capacidades dos locais. Poderanse seguir as funcións na canle de Youtube de Morreu o Demo.

Comentarios