Arrinca o FIC Bueu con cinema portugués

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) inicia mañá sábado, 10 de setembro, a súa novena edición co relatorio ‘De Sellier a Gil. Primeiros anos do cinema en Galicia’, impartido polo profesor José Luis Castro de Paz. E, ademais, unha retrospectiva do portugués André Marques, que tamén estará presente. Haberá filmes até o 18 de setembro.

fic-bueu
photo_camera Imaxe da edición anterior de FIC Bueu

A palestra inaugural compleméntase co visionado de ‘Miss Ledyia’, primeiro filme de ficción galego, con música en directo interpretada polo pianista Severiano Casalderrey. A cinta muda, que chega en 2016 ao seu centenario, proxectarase no marco do Ano Castelao promovido pola Deputación de Pontevedra, xa que o orixinal, dirixido por Xosé Gil e que se atopa depositado no Museo Provincial, conta coa participación do escritor rianxeiro como intérprete.

Xa pola tarde, ás 18 horas, darán comezo as sesións cinematográficas, cunha retrospectiva do realizador portugués André Marques, que estará presente no pase. O multipremiado director e guionista, membro tamén do xurado do FICBUEU 2016, conta con filmes seleccionados en festivais de renome internacional, coma os de Berlín e Venecia. Desta volta presentará as obras ‘O lago’, ‘Yulya’ e ‘Luminita’, esta última xa exhibida na sétima edición do FICBUEU.

Proxectaranse máis de sesenta curtas, desenvolverase entre o 10 e o 18 de setembro e repartirá 5.000 euros en premios

O certame, no que se proxectarán máis de sesenta curtas, desenvolverase entre o 10 e o 18 de setembro e repartirá 5.000 euros en premios. Todos os pases da fin de semana son de balde, xa que a única sección para a que se precisa entrada é a de Competición, que se desenvolverá de luns a xoves en sesión dobre, ás 20 e ás 22 horas.

Sete seccións

Tras a o acto de apertura, as curtametraxes estrutúranse en sete seccións que se proxectarán polas tardes entre o sábado 10 e o venres 16, en horarios de 18, 20 e 22 horas. A  primeira será unha retrospectiva do director portugués André Marques, mentres que as de Comedia, Animación, Iberoamérica e Panorama poderán verse tanto na fin de semana coma de luns a xoves ás 18 horas. A invitación pode recollerse de balde no despacho de billetes o mesmo día.

A sección Competición resérvase para os días 12 a 15 de setembro, nos que se desenvolverá a habitual sesión dobre ás 20 e ás 22 horas, cos mesmos cinco títulos en cada xornada. A entrada individual terá un custo de 2 euros mentres que o abono, que xa pode adquirirse na web, ten un prezo de 6 euros; tamén se poderán mercar presencialmente a partir deste sábado ás 11 horas. O venres, os pases das 20 e 22 horas resérvanse para a sección Galiza.

A entrada é de balde agás a sección 'Competición'

Doutra banda, as actividades paralelas inclúen tanto a conferencia de apertura como a que o profesor Xosé Nogueira impartirá o domingo 11 ás 12 horas, titulada ‘Stanley Kubrick. O cine revisitado e a xeometría das imaxes’. Cara o final da semana, o xoves 15 ás 11 horas, alumnado dos colexios da vila asistirá ao visionado dunha selección de curtas. O venres 16 arrincará tamén ás 11 horas cunha masterclass sobre gravación de vídeo con cámara réflex e continuará ás 16.30 horas cun relatorio sobre a distribución internacional de curtas a cargo da Agencia Freak.

O sábado 17 desenvolveranse dúas actividades pensadas para favorecer o intercambio entre os cineastas que nos visitarán e os espectadores do festival. Trátase dun roteiro por Cabo Udra, a partir das 11 horas, e a navegación pola ría a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos, ás 16.30 horas, para as que é imprescindible reservar praza no mesmo enderezo electrónico. Ás 18 horas terá lugar o Encontro con Celso Bugallo, actor gañador dun Goya. A gala de entrega de premios dará comezo ás 21.30 horas e o público que acuda poderá achegarse logo á festa de clausura no café-bar El Balcón.

Comentarios