Arrinca o Culturgal 2014 con Manuel Bragado como presidente

O editor e presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado é o novo presidente de Culturgal, a Feira das Industrias culturais que se celebrará do 5 ao 7 de decembro.Entrada a baixo prezo,  espazo para a gastronomía, novos patrocinios e máis actividades para profesionais serán algunhas das novidades. 

Manuel Bragado. Foto: Janite
photo_camera Manuel Bragado. Foto: Janite

O editor Manuel Bragado é o novo presidente dun Culturgal que comeza a prepararse con importantes novidades como novos patrocinios -en especial do ámbito empresarial-, máis profesionais e un espazo dedicado á gastronomía.  Nunha entrevista, publicada no semanario Sermos Galiza xusto despois da celebración da anterior edición da Feira, Bragado definía Culturgal como “unha illa fabulosa na que cada vez a biodiversidade é maior e para o sector editorial supón unha inxección de ánimo, autoestima e confianza no futuro”. 

De pago mais con baixo prezo 

Como nas anteriores edicións, a sétima Feira das Industrias Culturais desenvolverase no Pazo de Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro. Novidade deste ano será o pagamento obrigatorio dunha entrada de baixo custe, 2 euros para maiores, 1 para público infantil, ademais dun bono de 4 euros, no camiño da “corresponsabilidade” inaugurado na pasada edición cunha entrada voluntaria. 

Polo demais, a feira, que convocou en decembro do 2013 a máis de 14.000 persoas ofrecerá novos espazos temáticos, unha maior participación profesional e máis patrocinios. Por vez primeira, a gastronomía terá un espazo específico reservado con novidades literarias, musicais e das artes escénicas relacionadas co mundo da cociña. 

Para o 2014, o Culturgal buscará ampliar aínda máis o número de oitenta e unha entidades expositoras que participaron na anterior edición e, alén de ser escaparate do novo xeito de operar das industrias culturais, ser tamén escenario de estreas e novos proxectos. 

Estreitar vínculos con asociacións de profesionais dos distintos ámbitos da cultura será tamén un dos camiños nos que afondará Culturgal de cara a súa próxima edición, cun especial fincapé na creación de espazos de encontro de profesionais e axentes que participan na actividade cultural.

Comentarios