Arretén en Padrón, a destrución oficial dun recurso cultural

Arretén, parroquia de Padrón, é un paradigma do que poderiamos considerar mala praxe na conservación do patrimonio cultural. Coñecida polo seu pazo, no que viviu Rosalía de Castro, a beleza orixinal da aldea foi castigada sen contemplacións polas obras de acceso á autoestrada. Tras a desfeita, a Administración pretende agora solucións. Eis un extracto da información publicada no semanario en papel Sermos Galiza número 354.

f6_FS_duplaCultura
photo_camera [Imaxe: Cedida] Rosalía e Murguía, na imaxe, pasaron longas tempadas na parroquia de Arretén.

m6_FS_duplaCulturaAlgúns aínda seguen a bater teimudos no mantra de que “a cultura nin vende nin dá votos”. Son os que non teñen cultura, os incultos entón, os que aínda non saben que a cultura, ou tamén a incultura, é o que distingue os países e os paisanos do mundo, o que os seres humanos cultivamos de xeito especial para ser no universo. Algo máis que teorías e feitos, pero tamén pegadas do pasado: arqueoloxía, etnoloxía, reliquias. Recursos “produtos” culturais que estudan e pregoan en congresos os axentes turísticos logo, á hora da verdade, pechados, abandonados, mentres campa e dana a ollada ese efecto con causa na aculturación, o feísmo, o esperpento, a degradación en forma e fondo. Namentres, e como paradoxo, non falta aparato cultural a anestesiar a verdadeira cultura, comezando polas concellerías, as delegacións territoriais coas súas comisións de Patrimonio, consellerías e direccións xerais apelidadas “de cultura”.

O artigo 46 da Constitución española responsabiliza os poderes públicos da salvagarda do patrimonio cultural dos pobos e a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, 5/2016 de 4 de maio, no seu capítulo primeiro dá as “Normas xenéricas de protección” e, entre tanta norma, no seu capítulo 3, artigo 91, clarifica cales son os “bens que integran o patrimonio etnolóxico”, elemental a saber para quen ocupa unha concellería.

E para exemplarizar, facemos parada e comentario en Padrón, antepórtico de Compostela, con tanto recurso patrimonial arredor de canto significa o mito e a Historia, cara á que abre os primeiros camiños que seguen o Ulla e o Sar, e iso atrae e enriquece.

Antes de ser Padrón, no que foi Iria estivo o foro dos Cáporos, porto abrindo á ría de Arousa, encrucillada e mansión, parada e fonda á beira das vías: a per loca marítima, as militares vía XIX e a XX do Itinerario Antonino, variante esta que ía de Iria a Sobrado e a Lucus. Entre elas, Iria foi civitas privilexiada a finais do século I, en tempo de Vespasiano e, deseguido, pola súa dinastía Flavia, distinguida como Iria Flavia. Arredor do ano 500 con basílica, das primeiras e máis prestixiosas sedes episcopais de Hispania, determinante no tempo suevo, visigodo e alto medieval, cando se estribilla o mito da translatio e a tumba do apóstolo, a Raíña Lupa por medio, o monte Libredón... até que no 1095 o bispado pasa a Compostela. Pero aínda máis.

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios