venres 29.05.2020

Viaxe a través de Albert Camus arredor do seu centenario

Esta semana falouse do centenario de Albert Camus, a súa imaxe apareceu nas páxinas de moitos xornais, os seus textos lembráronse en noticiarios, léronse nos bos e mellores programas de cultura de radio do mundo, mesmo tiveron audiencia nalgún espazo das emisoras de televisión... 

Camus
Camus

Algunhas biblioteca visualizaron os seus libros e organizaron lecturas, Googel dedicoulle un 'doodle'... E eu hoxe pregúntome se se segue lendo ao Premio Nóbel de literatura de 1957.

Estará hoxe o autor de O estranxeiro, traducido ao galego por Valentín Arias (Ed. Do Cumio, 1991), entre as lecturas escollidas pola mocidade? Figurará hoxe nos libros de texto ou nas aulas de literatura universal de ensino medio o autor de obras de teatro como Os xustos e  Calígula, na nosa lingua en tradución de Xosé Manuel Beiras publicadas nos imprescindíbeis Cadernos da escola dramática galega en 1987 e 1992 respectivamente? Volverá Calígula aos escenarios do teatro galego, onde xa estivo en texto traducido, adaptado e dirixido no ano 2000 por Manolo Guede? Lembraría onte o Director do Centro Dramático Galego a Camus? Fálase hoxe do absurdo?

"Estará hoxe o autor de O estranxeiro, traducido ao galego por Valentín Arias (Ed. Do Cumio, 1991), entre as lecturas escollidas pola mocidade?"

Confésolles que eu sigo lendo a Camus, creo que a querenza polo autor me entrou aos dezaoito anos o primeiro libro que lin del foi La peste. Camus é un deses autores cos que fun crecendo, co que aprendín francés; dialoguei coa súa escrita, fixen en ocasións a súa soidade compañeira da miña, despois namoraríame do seu rosto, do seu ollar de filme en branco e negro, máis tarde, grazas á rede, da súa voz.  Nacín despois da morte de Camus, madurei con el e agora xa son máis vella e impresióname pensar que morreu cando só tiña corenta e sete anos, a súa cara nunca será centenaria e o seu cigarro sempre está prendido. Gústame Camus, e se hoxe aínda hai dous bandos e nun está Sartre e noutro Camus, eu, fronte ao me amigo X. C. Garrido, sempre estarei no bando do autor nacido en Alxeria, por unha cuestión (moi) literaria, e non me importa que se me diga que é por estética. Tamén sei que estaría moi lonxe de partillar a súa praxe política e a súa posición na cuestión de Alxeria, aínda que concorde tamén con moitas das súas conviccións e valore a a súa palabra contra a pena de morte, nun momento en que outra moita xente calou. Para el en política a fin non xustificaba os medios, para min tampouco. Incomodou a Sartre falando de réximes totalitarios, o autor de As moscas -tamén traducido por Xosé Manuel Beiras e publicado en Laiovento (2008)- acusouno de burgués e o Camus, contestoulle que se a verdade estivera na dereita, el estaría na dereita. Eles deixaron de se falar definitivamente coa publicación en 1951 de L’Homme révolté, un volume que lle pon a etiqueta ao seu autor de filósofo, que vai dar para moito entre os círculos existencialistas e que provocará a escrita de críticas na prensa e a contestación do autor. Nós, hoxe sabemos que a verdade non está na dereita e Camus e Sartre tampouco. Tamén sei que a quen máis lle debo politicamente non é a ningún dos dous, é a Simone de Beauvoir e á descuberta de O segundo sexo, traducida e actualizada dun xeito maxistral por Marga Rodríguez Marcuño (Edicións Xerais).

Moitos adxectivos acompañan hoxe o seu oficio de escritor, moitos ao home que foi, disque sobre todo libre, eu creo que expoñía e defendía as súas opinións dunha forma clara e contundente. Contra esa liberdade na miña memoria fica un pensamento atopado no seu derradeiro libro, o inacabado que levaba con el no momento do accidente automobilístico que o matou e que sempre alimenta o misterio sobre o autor, Le Premier Homme, publicado en 1994, como unha máxima lembro que viña falar en contra da liberdade do amor, xa que non se podía decidir libremente, “o amor é algo inevitábel”.  E el debeu amar moito: persoas, causas e paisaxes que lle deberon (re)prender esa liberdade.

Naceu hai cen anos, o 7 de novembro nun lugar que se chamaba Mondovi, agora Drean, en Alxeria daquela unha colonia francesa onde a minoría europea mandaba na maioría árabe, no berce dunha familia de colonos franceses  (pieds-noirs)  que o ía marcar para sempre como, máis que estranxeiro, “alleo” ou “raro” no mundo intelectual do París ao que chegou despois da mocidade.  O pai morrería na Grande Guerra e a nai de orixe de Menorca tivo que levar adiante á familia, dous fillos, cun traballo duro. O mundo da pobreza coñecíao por propia experiencia. 

Naceu o escritor co teatro e nel moito aprendeu. En Alxeria creou primeiro, militante no Partido Comunista, o Théâtre du Travail e, neste contexto, en colaboración con Jeanne-Paule Sicard, Bourgeois e Poignante, escribe Revolte dans les Asturies, que non chegou a representarse mais foi  publicada en 1936. Ambientada na revolta dos mineiros en Asturias era unha chamada de atención e de denuncia da brutal represión exercida durante o bienio negro en 1934. Despois, cando abandonou o partido, funda o Théâtre de l'Equipe e para esta compañía concibe en 1938, con só vinte e cinco anos, Calígula, a representación dramática da triloxía do absurdo con L' Etranger e Le Mythe de Sisyphe. A obra nacera coa idea de dirixila e ser el o actor protagonista. Habería que agardar até 1945, un 26 de setembro, para a súa estrea en París e ver a Gérad  Philipe como Calígula. Camus vai dirixila por primeira vez no ano 1957 e aparecerá publicada por vez primeira en 1944  xunto a  Le malentendu, O éxito da obra dáse nun momento en que España e Portugal seguían baixo as botas dun ditador, cando se celebra a derrota do nazismo, cando o público ve na escena as consecuencias do poder absoluto dun tirano, feliz no exercicio de matar, debátese e debe enfrontarse á súa propia responsabilidade e preguntarse: é o público-subdito culpábel? Lembren as últimas palabras do ditador que berra cando esnaquiza o espello que reflicte a súa imaxe: Á historia, Calígula, á historia!

"Amaba o teatro e considerábao como o xénero por excelencia, sabía que as representacións facían renacer os textos, as palabras volvían respirar de novo en cada interpretación"

Amaba o teatro e considerábao como o xénero por excelencia, sabía que as representacións facían renacer os textos, as palabras volvían respirar de novo en cada interpretación. Adaptou e dirixiu obras non concibidas como teatro e obras teatrais doutros autores como Dostojevski, Faulkner ou Calderón e Lope de Vega, e debía de ser marabilloso poder gozar das súas novas versións. Tamén como autor e director, non só como home, debeu ser unha sorte encontrar a actriz María Casares, corpo e voz no seu teatro, todo debeu comezar coa  súa María, de  Le malentendu. É esta unha obra sorprendente con magníficos personaxes femininos, cunha nai que nos emociona pola súa forza, unha trama que prometía ser unha comedia e remata cun final angustioso, construído sobre a mentira e a ocultación da identidade, dos mellores xogos teatrais, aínda que representado nun tempo en que as circunstancias non semellaban andar para estas brincadeiras no momento da estrea, poucos días despois do desembarco dos aliados e nun París aínda ocupado.

En 1948 estrease L' Etat de siêge, unha peza do militante antifranquista, que sempre habitou en Camus, supoñemos, e isto nunca se di, que a relación con María Casares e tamén co seu pai Santiago Casares Quiroga, afianzaron aínda máis a súas ideas e esta militancia que o levou a formar parte dunha asociación de apoio aos refuxiados republicanos españois en Francia,  a intervir en actos públicos e a escribir textos magníficos e emocionantes reclamando a liberdade de España, nun momento en que toda Europa, libre do nazismo e do fascismo, lle daba ás costas. A obra en que María Casares é actriz principal, está ambientada en Cádiz, onde unha  personaxe masculina representa á Peste, que proclama o estado de sitio, lugar onde os súbditos deben aprender a “morrer con orde”. O autor tivo que defender esta obra o que provocou nun artigo que publicou en Combat e que hoxe podemos ler en Actuelle.Chroniques 1944-19948, primeiro volume (1950) de tres que reúnen os seus escritos espallados en revistas e xornais, texto que lles recomendo, xa que nos axuda a situarnos na primeira década da forte represión franquista e a (re)situar a responsabilidade de Francia, un estado que entregou a moitos republicanos á España franquista, e a complicidade da igrexa católica. 


De 1949 é a súa obra teatral máis polémica  Les Justes que traslada a acción á revolución rusa de 1905, un debate público onde se mostran as contradicións entre os medios e a finalidade,  dunha banda a  loita, doutra, a morte e a inocencia. Cando se le esta obra hoxe semella que no canto de personaxes nos atopamos con seres de papel que falan, mostran as súas contradicións sobre moitos temas que envolven á condición humana, desde unha lectura actual fáltalles profundidade. Penso que Calígula e Le malentendu son as súas obras teatrais polas que mellor pasa o tempo, xa que a loita por sobrevivir,   o desexo de poder, o seu exercicio e, botando man dun verso de Ingeborg Bachmann, esa moral imbécil das vítimas que deixa pouco que esperar, sempre están de actualidade.

"A relación con María Casares e tamén co seu pai Santiago Casares Quiroga, afianzaron aínda máis a súas ideas e esta militancia que o levou a formar parte dunha asociación de apoio aos refuxiados republicanos españois en Francia"

Hai un escritor que se debate con e contra o tempo en que vive, dialoga e cuestiona(se) e é cuestionado constantemente entre 1937, ano da publicación de L'Envers et l'Endroit,  e o 4 de xaneiro de 1960,  nas cento corenta e catro páxinas que se atopan dentro dun maletín co que viaxaba no momento da morte e que se consideran pertencentes á obra que estaba escribindo naquel momento, Le premier Homme. Estes dous textos autobiográficos foron os últimos da súa autoría que coñecín, achégannos ao primeiro e ao último autor, ao que entra nas súas raíces para espirse.  Os cinco textos en que se divide L'Envers et l'Endroit (titulo do último texto), emocionan, nunha prosa áxil e concisa, sinxelos no seu estilo, aquí atopamos desde a viaxe á terra dos seus antepasados maternos até unha viaxe a Praga, a vida dun neno entre a avoa e a nai, personaxes que lle tocan a fibra e dos que se afasta como un observador para retratarnos en terceira persoa eses cadros. Tiña vinte e dous anos cando escribiu esta beleza e en 1958, o autor engádelle un prólogo en que asume esta escrita como a orixe de toda a súa obra, como explicación de toda a súa vida e o seu xeito de estar no mundo, esa pobreza da que fala que o ilumina e o alimenta desde ese sol de Alxeria, está en toda a obra, concibida nese saír adiante diario dunha nai e a vida que crece na zona obreira de Belcourt, sen luz eléctrica, sen auga corrente. Gústame este Camus luminoso por iso quixen ler despois Noces para topalo diante das paisaxes con ruínas de Tipasa ou Djémila. Lean para comprender e darémoslle a razón, cando nalgún lugar este “estranxeiro” afirma que non precisou na súa mocidade ler a Marx para debaterse e comprender o mundo.

Antes na nosa vida habitaran as ratas de La Peste, unha obra que (re)lemos de cando en vez,   para pensarmos en cantas ratas son fillas literarias das ratas de Camus, cantas ratas axudan a explicar a resistencia (tantas resistencias) a loita para fuxir do poder que rouba a vida e a liberdade, do poder que oprime cando insinúa que nos protexe. A crónica da cidade de Orán, a partir dun 16 de abril,  morrendo por unha epidemia, para quen non queira ver máis, xa é unha lectura estimulante, moito máis se se conclúe que só a solidariedade pode rematar co mal. Múltiples lecturas, que van máis alá, desa loita en que o propio autor participou da resistencia francesa contra o nazismo, moito máis, por que acontecementos posteriores á vida do escritor, á vida da personaxe de Bernard Rieux, demostran que as palabras finais do libro sempre terán vixencia. Lembren o remate de A peste:  

“Oíndo os berros de alegría que viñan da cidade, Rieux tiña presente que esta alegría sempre está ameazada. Pois el sabía que esta multitude afortunada ignoraba o que se pode ler nos libros, que o bacilo da peste non morre nin desaparece xamais, que pode ficar decenios a durmir nos mobles, na roupa, que agarda con paciencia nos cuartos, nas adegas, nas valixas, nos panos do peto e nos papeis, e que pode chegar un día en que a peste para desgracia e ensinanza da humanidade, esperte ás súas ratas e as mande a vivir a unha cidade feliz.”

Despois na nosa mocidade apareceu O estranxeiro, en primeira persoa, e o seu inicio ficou na memoria para sempre, aquela noticia da morte da nai que semellaba non ser nada, tan  desconcertante, algo máis na vida de Meursault, e cantas  personaxes literarias lle van dar a man a este home “absurdo”. Cando a mocidade nos abandona esta personaxe aínda hoxe nos pode encher de perplexidade, o home fronte “a tenra indiferenza do mundo”, o home que agarda que no día da súa execución  para non estar tan só haxa moitos espectadores e que o reciban con berros de odio. Seguimos escoitando o seu eco.

"Podemos dialogar  co  xornalista Camus,  labor sobre o que teorizou e para o que reclamaba lucidez, ironía e desobediencia"

En La Chute (1956) tamén nos volve prender sen que poidamos abandonar o relato, co emprego da primeira persoa e con ese estilo tan sinxelo, a confesión desde un  bar de Amsterdam de Jean-Baptiste Clemence, a mudanza da súa vida, o encontro azaroso cunha moza suicida no Sena, a culpa que o acompaña.

Gústame a sinxeleza da súa prosa, o seu xeito de narrar, por iso aconsello a súa lectura, que pode continuar cos seus ensaios como Le Mythe de Sisyphe, mais tamén as súas "Crónicas" recollidas en tres volumes, ou a súa correspondencia se se queren comprender moitas das súas posicións. Tamén podemos dialogar  co  xornalista Camus, oficio que desempeñou desde Le Soir Républicaine que codirixiu na súa mocidade en Alxeria até as súa colaboración do xornal da resistencia Combat, labor sobre o que teorizou e para o que reclamaba lucidez, ironía e desobediencia, que lonxe estaba ese xornalismo da actualidade onde se ten demasiado en conta o índice de lecturas e esta fin xustifica todos os medios. Defendeu ante todo a liberdade de expresión, a mesma que o levou a non celebrar o lanzamento da bomba atómica, fronte a quen lle poñía un remate á guerra Camus alertaba contra un novo principio, un poder novo na procura de armas nucleares.  

Fronte a outros textos do autor pola actualidade en que vivimos fágolles unha penúltima proposta que lle dediquen un tempo, eu volvín facelo hai uns anos, ás Cartas a un amigo alemán, traducidas ao galego por Xosé Manuel Beiras e publicadas en 1967 no número 17 da revista Grial. O tradutor, leal a Albert Camus, engade á súa tradución o adral do autor que figura na edición italiana de 1948, á primeira que o escritor autorizou a unha lingua estranxeira, por que “aluma o senso profundo das cartas e  revela o seu valor permanente”. As cartas foran publicadas na clandestinidade, a primeira en 1943 na Revue Libre, a segunda asinada co pseudónimo de Louis Neuville en 1944, a terceira apareceu na revista Libertés en 1945 e a cuarta permaneceu inédita até que foi publicado o conxunto  por edicións Gallimard, que o seu autor dedicou ao poeta da resistencia, René Leynaud, fusilado con outros dezaoito camaradas o 13 de xuño de 1944 en Villeneuve (Ain). Para que sintan desexos de lelas, quero lembrarlles agora unha aclaración que fai Camus nese adral: “Cando o autor destas  cartas di “vós” non quere dicir “vós outros, alemáns” , senón “vós outros, nazis”. Cando di “nós”, isto non significa sempre, “nós outros, franceses” , senón “nós outros, europeos libres”. Agardo ter espertado a súa curiosidade.    

O 16 de outubro de 1957, fíxose público o Premio Nóbel de literatura, cóntase que cando Camus coñeceu o nome palideceu, a súa cabeza pensaba en André Malraux, era tamén o nome que soaba en moitos círculos literarios, entre os de Boris Pasternak, Saint-John Perse ou Samuel Beckett que si o recibirán máis tarde, Malraux nunca. Criticado pola dereita e pola esquerda, polas súas posicións públicas, entre elas a defensa da abolición da pena de morte, Camus era un candidato sen capela. Sartre rexeitará este premio “burgués” en 1964. Con só corenta e catro anos Camus recibe o Premio Nobel, a xuízo da Academia: “Pola súa importante produción literaria que con seriedade lúcida ilumina os problemas da consciencia humana nos nosos tempos”.

"Nicolas Sarkozy no ano 2009 desexou trasladar os restos do escritor ao Panthéon, o seu fillo Jean Camus opúxose"

Camus tivo unha filla e un fillo, xemelgos, Catherine e Jean, que tiñan quince anos cando o seu pai morreu en 1960. O escritor non morreu da tuberculose coa que conviviu desde a súa primeira mocidade, morreu como se ten dito dunha maneira absurda nun accidente ao bater o coche que conducía o seu editor contra unha árbore en Villeblevin na Borgoña. Está enterrado no cemiterio de Lourmarin vila da Provenza. Nicolas Sarkozy no ano 2009 desexou trasladar os restos do escritor ao Panthéon, o seu fillo Jean Camus opúxose.

Catherine Camus asina un libro que estará nas librarías nos próximos días, Le monde en partage. Itinéraires d’ Albert Camus, a novidade editorial máis importante para este centenario e promete ser unha especie de fotobiografía, unha viaxe a través das causas, as persoas e as paisaxes que o autor amou. Catherine Camus viviu sempre na compaña dos escritos do pai, foi responsábel da publicación en 1994 de Le Premier Homme, un manuscrito que pasou a máquina por vez primeira, Francine, a súa nai e segunda muller do autor. O texto ofrécenos ao escritor en estado puro, en loita coa súa escrita; notas, frases, interrogantes, acompañan as súas palabras, as frases que lle nacen e que chantou coa súa letra no último manuscrito achado, un testamento literario. Na súa lectura, a última proposta que lles fago,  conmoven esa necesidade de procura do que un foi, sen ser aínda, as orixes, unha biografía e a beleza de moitas descricións, ese sol luminoso do primeiro libro, mais tamén nos aguilloa a tristeza, a da morte que chega sen aviso e fecha un círculo.

Marga do Val

comentarios