Santa María do Campo e Santiago

Ana López Formoso: "Ao longo do século XII os monarcas favorecen a cidade da Coruña e polo tanto as súas igrexas"

Ana López Formoso é licenciada en Xeografía e Historia e especialista en Historia da Arte Antiga e Medieval. É a autora dos dous primeiros fascículos de Tímpanos Medievais da Galiza interpretando a iconografía das igrexas de Santa María do Campo e de Santiago, ambas na cidade vella da Coruña. Nesta entrevista fálanos da importancia destes dous inmobles situados nun dos estremos do Camiño Inglés a Compostela.

 

Ana Lopez Formoso
photo_camera Ana Lopez Formoso

A Coruña do século XII é unha urbe en crecemento. Como se reflexa ese crecemento na arquitectura relixiosa da cidade?

Ao longo do século XII os monarcas favorecen a cidade e polo tanto as súas igrexas. Hai unha especie de intercambio: os reis conseguen debilitar o poder do arcebispado de Santiago e da Orden do Temple porque a cidade só lle rende vasalaxe ao rei; a cambio, Crunia  ve aumentar  a súa poboación e os seus gremios. Co tempo será incluso unha especie de  “porto franco” no comercio do sal ademais de porto de recepción de peregrinos. Todo isto explica que as dúas igrexas se constrúan con tan pouca diferenza  no tempo e con tanta proximidade unha da outra.

“Os tímpanos medievais son como libros con finalidade didáctica e proselitista colocados na entrada da igrexa, co obxectivo de ensinar a quen non sabe” di Aurora Balseiro no fascículo un deste coleccionable, de xeito que os peregrinos ou os fregueses “len” o que alí está gravado. Que nos deixan ler estas dúas igrexas?

Na igrexa de Santiago o tema do Agnus Dei, por outro lado bastante común nos tímpanos románicos, e as referencias ao pecado, a Daniel no foxo dos leóns  e ao sacrificio de Isaac póñennos en conexión coa salvación e esa sería a lectura máis importante.

É un tema moi axeitado para unha igrexa baixo a advocación a Santiago porque tamén a través da penitencia se pode conseguir a salvación;  a viaxe do peregrino é tamén unha penitencia, un xeito  de rachar  co pasado e purificarse, hoxe diríamos “reinventarse”.

E na Colexiata?

Na Colexiata non é doado facer unha  lectura iconográfica de  conxunto. O feito de que estea consagrada a María e que a  Epifanía presida a fachada occidental parece que nos fala dunha mentalidade que camiña cara  ao  estilo gótico. A isto súmase o feito de que o tímpano norte teña como protagonista o tema de Catarina, iso faina unha igrexa moi especial (mágoa non ter moi claro o sentido da porta sur). En todo caso, vincular entre si a lectura iconográfica dos tres portadas é difícil.

“O tímpano norte ten como protagonista o tema de Catarina e iso faina unha igrexa moi especial”

Vostede tamén é autora dos fascículos de San Xoán de Caaveiro e de Santa María de Cambre. Que teñen de diferente, canto á lectura dos tímpanos, destas dúas igrexas da Coruña? E en común?

A relación exclusivamente entre tímpanos é difícil de valorar...

Pode saír do guión ...

Si. Se mo permite. Ampliarei un pouco  a ollada ao conxunto da portada para poder responder mellor.

O tema do Cordeiro Místico que aparece na igrexa de Santiago repítese en Santa María  de Cambre  e San Xoán de Caaveiro. O tema de Daniel no foxo témolo na igrexa de  Santiago da Coruña  e na de Santa María de  Cambre. Si, repítense algúns temas pero non temos iconografía común ás catro, de feito creo que,  aínda que as identificamos como románicas,  son,  tanto na iconografía como na arquitectura, sobre todo se temos en conta as diferentes modificacións, bastante diferentes. Tamén a razón da súa existencia é diferente como veremos nas próximas entregas.

No seu traballo fala de certa rivalidade entre as Igrexas de Santa María e de Santiago, especialmente polo tipo de “público”, máis local nunha e máis “foráneo” na outra. Pode citar algún feito ou anécdota sobre esa rivalidade?

Recoller anécdotas da rivalidade das igrexas no século XIII cando temos tan pouca información, en xeral, da cidade nesta época é difícil. Ademais,  é posible que aquelas persoas do século XIII non fosen tan diferentes de  nós e que discutisen se é mellor que leve a cruz  Santa  María ou Santiago, se unha igrexa é máis  fermosa do que a outra, máis  vella ou máis importante pero, estou por asegurar que aínda que fosen moi devotos, non sería a  maior  preocupación daquelas xentes.

“Estou por reivindicar a volta á palabra, ao texto e á expresión oral, así que ao mellor deixaba os tímpano sen decoración, deixando descansar  a vista de tanta imaxe”

O que si que sabemos é que cando foi outorgado o rango de Colexiata a Santa María no século XV houbo un preito para determinar cal das dúas igrexas presidía coa cruz as procesións, incluso despois de fallar e favor de Santiago, debeu haber unha apelación porque ata entrado o século XVI non houbo unha sentenza final.

Santa María do Campo, que se publica o día 6 de xaneiro, presenta un tímpano coa adoración dos Reis Magos. Se vostede tivese que elaborar un tímpano para este 2021, mantería as mesmas figuras?

Pois non sei moi ben o que faría… eu podo ser bastante sobria e estoica. Voume “poñer cisterciense”: a partir de finais do século XII comeza a haber un cambio no concepto dos edificios relixiosos, especialmente nas ordes monásticas, os monxes do Císter comezan a censurar os da orde de Cluny pola distracción que supoñía a decoración dos capiteis nos claustros dos mosteiros ou nos tímpanos da igrexas, así que xorde, un pouco por contraposición e como é habitual na historia que, tras  un período onde as imaxes son fundamentais, pásase unha etapa de sobriedade.

Debo deducir que deixaría o tímpano sen decorar?

Ben, pois como vivimos nun momento no que a imaxe está sempre presente (omnipresente diría eu) e substitúe a palabra escrita e a expresión oral (e como son profesora véxoo constantemente), creo que me inclinaría por prescindir das imaxes. De feito eu, no instituto, estou por reivindicar a volta á palabra,  ao texto e á expresión oral, así que ao mellor deixaba os tímpano sen decoración, deixando descansar a vista de tanta imaxe (sorrindo) pero e que eu tendo a moverme un pouco a contracorrente e ademais gozo  moito da  arquitectura núa.

Comentarios