“Dos máis importantes conxuntos peninsulares”

Arqueólogos descobren en Valdeorras pintura esquemática prehistórica

A pintura esquemática ibérica asóciase ás primeiras culturas metalúrxicas, maiormente na Idade do Cobre ou Calcolítico e na de Bronce. A esa escola pertence o achado dos arqueólogos de Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía en Casaio (Carballeda de Valdeorras): “Un dos conxuntos máis importantes do noroeste peninsular”.
 

Idolo oculado. Foto de Spuntik Labrego. Tratamiento digital de Manuel Rey
photo_camera Idolo oculado do conxunto de pintura esquemática de Casaio (Carballeda de Valdeorras). Foto: Spuntik Labrego. Tratamento dixital: Manuel Rey

Os investigadores toparon coas pinturas mentres traballaban nun proxecto de análise arqueolóxica da guerrilla antifranquista, dirixido por Carlos Tejerizo -do CSIC- e Alejandro Rodríguez -da Universidade de Compostela. “No proceso de documentación dun chozo da guerrilla situado nun abrigo con condicións ideais para este tipo de arte, revisamos a cavidade e observamos as pinturas”, sinala Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e Patrimonio.

Soliformes. Foto de Spuntik Labrego. Tratamiento digital de Manuel Rey

“Nas primeiras visitas localizamos polo menos unha quincena de pinturas de diferentes tipos, dende soliformes até o fantástico ídolo oculado, o primeiro documentado na Galiza”, engade Alonso nun comunicado remitido aos medios de comunicación polos arqueólogos, “todo parece indicar que nos movemos nun horizonte Calcolítico. Haberá que confirmalo”. O Calcolítico ou Idade de Bronce decorreu despois do Neolítico e antes da Idade de Bronce, aproximadamente entre o 2000 e o 1800 antes de Cristo, segundo a periodización proposta por Felipe-Senén.

“Todo parece indicar que non se trata dun único conxunto”, sinala Carlos Tejerizo. O director do parque arqueolóxico de Campo Lameiro e especialista en arte rupestre José Manuel Rey xa estivo no lugar para ver as pinturas e “confirmou a súa importancia”. Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía e Patrimonio deron axiña parte á Dirección Xeral de Patrimonio e puxeron en marcha “un proxecto integral e multidisciplinar para a documentación das pinturas e para a busca doutras novas.

As dúas empresas contan coa colaboración da Comunidade de Montes de Casaio. “Estamos moi agradecidos ás veciñas e veciños de Casaio, especialmente a Francisco Álvares e César Real. Sen o coñecemento exhaustivo do territorio por parte da comunidade local, sería imposíbel este achado”, conclúe Tejerizo.

Nota: figuras soliformes do conxunto de pintura esquemática de Casaio (Carballeda de Valdeorras. Foto: Sputnik Labrego. Tratemtno dixital: Manuel Rey.

Comentarios