O Festival Internacional de Arpa desenvólvese en Noia até o vindeiro domingo día 7

A arpa é a protagonista musical en Noia

Esta cuarta feira comezou a novena edición do Festival Internacional de Arpa de Noia cun primeiro Encontro das Escolas de Arpa da Galiza. O festival dedicado a este instrumento conta cun programa internacional de primeiras figuras que mostrarán a versatilidade e diversidade da creación musical contemporánea. 
Beatriz Martínez e Diego Langarica na presentación do Noia Harp Fest.
photo_camera Beatriz Martínez e Diego Langarica na presentación do Noia Harp Fest.

A estratexia da maioría dos festivais consiste en competir por ter máis audiencia e máis "visibilidade" a base de programar artistas que se repiten nos carteis das diferentes citas do verán. Outros, porén, loitan por crear unha personalidade única que lle permita ao público confiar nun programa menos cheo de estrelas mediáticas mais cunha calidade contrastada que permite aventurarse en territorios musicais exquisitos fuxindo da estandarización. 

O Noia Harp Fest -o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia- que iniciou onte a súa novena edición, é destes últimos. O seu director, Rodrigo Romaní, destaca, precisamente, "a variedade e a calidade. Puxemos o listón moi alto para participar e iso dános un programa con primeiras figuras. Os concertos da tarde teñen unha vocación máis íntima e os da noite máis festiva, pero non me atrevería a destacar nada porque xustamente o que buscamos foi que houbese diversidade", explica en conversa con Nós Diario

O programa iniciouse onte cun concerto do alumnado das escolas de arpa da Galiza, que dan unha medida do estado de saúde da música para este instrumento no país. "Neste momento hai cinco escolas de arpa, cando hai poucos anos só existía a de Vigo. Iso quere dicir que existe interese polo instrumento e polo seu repertorio. Temos un referente internacional no campo da música antiga que é Manuel Vilas, que ofrecerá un concerto o día 5 xunto con Paulina Ceremuzynska. Dentro do que se podería achegar máis á música tradicional temos a Beatriz Martínez, que vén de publicar o seu primeiro disco, que xa se converteu na figura máis relevante da arpa céltica na Galiza e que tocará o día 4 con Diego Langarika ao buzuki e guitarra acústica. Agora existe un abano de intérpretes que nos permite dicir que a saúde da arpa na Galiza evoluciona favorabelmente", brinca Romaní. 

 

Fusión de estéticas 

O programa deste ano inclúe concertos tan singulares como o de Kora Jazz Trío -o día 6 ás 23 horas-, unha formación que inclúe a kora, un instrumento africano semellante á arpa tradicionalmente tocado pola etnia mandinga. Ou o que dará o Trío Clepsidra, que explora o repertorio existente para arpa, viola e frauta traveseira en todas as súas modalidades, antigo, clásico e contemporáneo. 

"Calquera persoa que estea un pouco atenta pode comprobar que na actualidade os límites que definen os xéneros son moi flexíbeis, e iso é marabilloso", comenta Romaní. "Hai unha xeración de músicos que está moi preparada tecnicamente e que non entende de fronteiras xenéricas: xente con formación académica que non ten ningún problema en tocar outras músicas -desde o jazz até o hip hop, pasando por todas as variantes que queiras- e, ao revés, xente que procede de xéneros máis urbanos pero que comprende que o académico proporciona unhas ferramentas moi importantes. Hai moitos artistas que pasan dunha estética a outra, ou que fusionan estilos, cun respecto moi grande por todos os modos de enfrontarse á creación musical. Iso hai uns anos non ocorría e creo que é moi positivo para a música". 

O feito de dedicar o festival a un instrumento e non a unha estética particular propicia esa mestura de estilos que se pode atopar no Noia Harp Fest, no que o público pode atopar os relatos de Anna Amigó -o día 7- que explica e canta historias tradicionais de Catalunya; ou o dúo formado por Savourna Stevenson e Steve Kettley que rompen as barreiras entre o clásico e o popular desde as súas raíces escocesas; ou o Lune Bleue Trio, liderado por Clotilde Trouillaud, que desafía a forma de entender a música para arpa nun país de longa tradición arpística como é a Bretaña. O trío do guitarrista Rafa Fernández xunto coa arpista Bleuenn Le Friec, pola súa parte, explorarán as posibilidades de integrar o audiovisual nun concerto que oscilará entre o contemporáneo e a música ambient, o día 6, no Teatro Coliseo Noela.  

 

Premio de Composición 

Esta edición do Noia Harp Festival, ademais, presenta como novidade a convocatoria da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. "É un premio que está dirixido a ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra, neste caso, no campo da música académica", declara o director do festival. "Sempre é complicado convocar un premio destas características, porque unha recompensa en metálico que aquí se ve como tentadora, para un músico noruegués pode non ser atraente. Por iso, ademais do premio en metálico, ofrecemos a estrea da obra da man da Real Filharmonía da Galiza na tempada 2022-2023. Esperamos que teña éxito e que poidamos contar con boas obras". 

Comentarios