Armando Requeixo visita as casas literarias desde “Criticalia”

Coa visita á de Castelao en Rianxo e a de Alfredo Brañas en Carballo, Armando Requeixo abre a nova sección “Casas literarias” desde o seu blogue “Criticalia”. 

Armando Requeixo
photo_camera Armando Requeixo

Son espazos con evocación literaria, que gardan dunha ou outra maneira a memoria de quen as habitou, homes e mulleres que viviron nelas algunha parte da súa vida e, nalgunhas ocasións, deixaron tamén pegada nas súas propias obras. “A idea cerna é recoller un catálogo ou repositorio de vivendas emblemáticas de escritores e escritoras que atesouran a nosa tradición literaria porque son espazos que xeraron vidas que foron literarias”, explica o crítico Armando Requeixo que publicou xa dúas entradas da nova sección no seu blogue Criticalia, a casa de Castelao en Rianxo e a de Alfredo Brañas en Carballo. 

“Non quero que sexa unha sección de carácter museístico. Haberá vivendas que son sedes de fundacións ou casas protexidas e outras en estado de abandono, esquecidas. Algunhas facilmente identificábeis e outras case descoñecidas”, anota Requeixo dun proxecto que ten vontade de percorrer toda a xeografía galega dando conta das casas que habitaron algunhas dos principais nomes da nosa historia literaria e tamén outras máis descoñecidas. 

“Non quero que sexa unha sección de carácter museístico. Haberá vivendas que son sedes de fundacións ou casas protexidas e outras en estado de abandono, esquecidas"

As entradas de cada unha das casas referirán o estado actual de conservación do inmóbel, a relación do autor ou autora que alí naceu ou viviu e tamén a presenza, de a haber, na súa escrita. “Quero compoñer o puzzle da nosa tradición literaria a partir dese imán que son as vivendas que ofrecen tamén información dos autores”, engade o crítico. 

Lugares para visitar

A sección servirá tamén para poñer á vista o estado no que se atopa o patrimonio arquitectónico relacionado coa nosa literatura. “Ver a casa de Aquilino Iglesia Alvariño fai que caia a alma aos pés. Son xa só catro paredes porque non se coidou a tempo. Posibelmente a sección acabará tendo un certo aire de alerta sobre un patrimonio que pode dinamizar o país porque, de se coidaren, as vivendas literarias son lugares atractivos para a súa visita”, defende Armando Requeixo que é autor da primeira tese sobre Díaz Castro e precisamente para a conservación da súa casa nos Vilares apoia a campaña popular promovida por Alfonso Blanco Torrado e a Asociación Cultural Xermolos. “Neste caso está aínda en estado recuperábel, infelizmente outras son xa insalvábeis”, apunta ao tempo que explica que, en certa maneira, o estado das casas son tamén “espello” de como a obra e a figura de quen as habitou foi recoñecida na súa contorna. 

Aos poucos, as distintas casas irán aparecendo no blog Criticalia, coa vontade de contribuír a elaborar un mapa literario sobre o noso territorio. “Hai cidades e vilas que son museos arredor dos seus autores, non só polas casas senón tamén por outra localizacións, como, poño por caso, os propios cemiterios. Nós temos tamén un patrimonio que defender e poñer en valor”, engade, deste proxecto para o que convida aos seus lectores e lectoras a contribuír identificando vivendas que teñan relación coa nosa historia literaria e tamén con quen a creou. 

Comentarios