'Aí vén o maio!'

Armando Requeixo: “Merlín' é un clásico indiscutíbel da literatura galega do século XX”

Armando Requeixo Cuba é investigador, profesor, crítico literario e coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo Alvaro Cunqueiro. Con el falamos, ou mellor, damos voltas, arredor de 'Merlín e familia'. No coleccionábel 'Aí vén o maio'. 

 

Armando Requeixo na Praza da Catedral de Mondoñedo (@Marcos Candia)-min
photo_camera Armando Requeixo na Praza da Catedral de Mondoñedo (Foto: Marcos Candia)

Que é, quen é, Merlín e familia?

A porta aberta a un dos mundos imaxinativos máis fascinantes que deu a literatura galega de todos os tempos. Tamén unha das obras maiores coas que se produce a nosa renacenza literaria tras a parada de máquinas da Guerra Civil.

Co Merlín e familia Álvaro Cunqueiro principiaba unha xeira narrativa celmosa, ao tempo que retomaba para as letras galegas unha das grandes tradicións literarias europeas, a da Materia de Bretaña.

A súa publicación marca un fito. A partir dese momento, escribir entre nós de Merlín, de dona Xenebra, da Terra de Miranda ou da Selva de Esmelle é facelo homenaxeando un dos creadores máis importantes que deu o noso país.

Fala vostede do non-tempo e do non-lugar como elementos substanciais do Merlín. Pode aclarar algo máis estes conceptos, ou non-conceptos, se preferir?

Cando un le o Merlín —ou calquera outra obra narrativa de Cunqueiro— decátase ben pronto de que as historias non suceden nun espazo moi recoñecible, nin tampouco nun tempo perfectamente concreto. Todo acontece nun non-tempo e un non-lugar que remiten ao Paradiso. E nesa particularísima escenografía creativa as diferentes épocas da Humanidade conviven con naturalidade nun territorio que é pura invención literaria.

Iso é o que explica que no Merlín o que se nos conta teña lugar nas entresoñadas Terras de Miranda ou cabo do Bosque de Silva, que son imaxinacións cunqueirianas que non teñen unha correspondencia exacta con lugares específicos. E todo pasa, ademais, entre personaxes e momentos que tanto falan da Revolución ou do ferrocarril coma do asasinato do Xeneral Prim ou da Bela Otero, que son feitos e personaxes históricos entre os que median séculos. A explicación é que Cunqueiro, no Merlín e noutras obras, insisto, escribía literatura paradisíaca. E no Paraíso, xaora, todo é posible.

É Merlín unha novela ou un conxunto de relatos?

Ao meu ver, o Merlín de Cunqueiro concrétase nunha arquitectura novelizada. Está claro que non é unha novela ao estilo da prosa longa unitaria que se estilaba, poño por caso, no século XIX. Achégase, máis ben, ao modelo que algúns teóricos teñen denominado ‘novela estrutural’.

É certo que o Merlín presenta no seu cerne unha ‘serie’ de ‘episodios’ que responden a un mesmo esquema compositivo: chegada duns estranxeiros ao Pazo de Miranda para pedir a axuda de Merlín, intervención máxica deste resolvendo o problema, despedida dos estranxeiros e inicio da viaxe de regreso ás súas terras. Pero tamén é verdade que todas esas ‘historias’ están enmarcadas: recórdaas para nós Felipe de Amancia, tal como nos anuncia no comezo da obra e volve confirmarnos no remate da mesma. Ese recurso cohesionante, así como a coincidencia en todas as historias de varios dos seus personaxes principais (fundamentalmente Merlín e Felipe de Amancia, en non poucas ocasións tamén dona Xenebra) e a presenza dun “Índice onomástico” final que amalgama con todo o bloque narrativo anterior implementándoo unitariamente fan do Merlín unha novela, ben que de natureza aberta e fragmentaria.

Finalmente, como foi acollida a obra e cal é a súa vixencia hoxe?

Dende que se publicou en 1955, o Merlín valorouse como unha obra referencial. Neste sentido, a crecente estimanza que foi gañando xeración tras xeración acabou por consagrala coma o que agora é, un clásico indiscutible da literatura galega do século XX.

Este feito explica que, onte coma hoxe, sexa unha lectura habitual entre os escolares, que se reimprima unha e outra vez, que fose traducida a múltiples linguas, que se teñan feito dela adaptacións teatrais, musicacións, curtametraxes, exposicións, receitarios e moitas outras iniciativas. Ata tal punto o Merlín e familia se converteu nun referente popular que existen tendas, empresas, etc. que adoptaron este nome.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios