mércores 26/01/22

‘O que arde’ puxa este sábado nos Goya

Con até catro nominacións acode o filme de Oliver Laxe aos Premios Goya. Os actores galegos Luis Tosar e Santi Prego tamén están nominados.  

O que arde
Benedicta Sánchez en 'O que arde', de Oliver Laxe.

A gala dos Premios Goya, que decorre na noite deste sábado 25 de xaneiro en Málaga, pode deparar ao filme ‘O que arde’ o premio a mellor película, mellor dirección (Oliver Laxe), mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez) e mellor fotografía (Mauro Herce).

O filme de Laxe compite por facerse co Goya a mellor longametraxe con 'Dolor y gloria', 'Intemperie', 'La trinchera infinita' e 'Mientras dure la guerra'.

No premio a mellor dirección, ademais Oliver Laxe están nominados Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga; Pedro Almodóvar e Alejandro Amenábar.

Benedicta Sánchez tamén está nominada pola obra de Laxe ao premio á mellor actriz revelación; mentres que o actor galego Santi Prego está nominado polos filmes 'Mientras dure la guerra' e 'Quen a ferro mata’, coproducida por Vaca Films e ambientada na Galiza. Por esta película tamén opta a mellor actor principal Luis Tosar.

Na nominación a mellor fotografía tamén se atopa ‘O que arde’, con Mauro Herce; mentres que ‘Quen a ferro mata’ leva nas súas nominacións mellor son cos nomes do galego David Machado, Yasmina Praderas e Gabriel Gutiérrez.

O director lugués David Fidalgo tamén estará nos Goya pola súa obra 'Homomaquia', nominada a mellor curtametraxe de animación.

‘O que arde’ vén de ser premiado este mesmo mes como mellor filme europeo na XII edición dos Premios Gaudí da Academia del Cinema Català e é xa o filme galego con maior número de espectadoras ao superar a cifra da histórica ‘Sempre Xonxa’, de Chano Piñeiro. En novembro de 2019, o filme de Laxe pasaba das 62.500 persoas que viron a longametraxe en salas.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

‘O que arde’ puxa este sábado nos Goya
comentarios