sábado 29/01/22

A Academia de Cine vén de comunicar que as películas españolas preseleccionadas para a 93 edición dos Óscar son O que arde’ de Oliver Laxe, ‘El hoyo’, de Galder Gaztelu-Urrutia, e ‘La trinchera infinita’, de Goenaga, Garaño e Agirre.

Non será ata o 3 de novembro cando a Academia de cinema anunciará cal destas tres películas será o título que finalmente representará o Estado español.

A terceira longametraxe de Oliver Laxe continúa así sumando recoñecementos.

O que arde rexistrouse nos Ancares. Elexía e homenaxe ao mundo rural, relata en 85 minutos a historia de Amador Coro e a súa nai. Coro acaba de saír de prisión despois de ser condenado por provocar un incendio. As relacións humanas e o paseniño ritmo cotián da montaña, a cultura campesiña que se esvae e os desaxustes producidos polas mudanzas, valéronlle á peza de Laxe un bo feixe de premios e galardóns nestes meses.

Nunha entrevista en Nós Diario, Oliver Laxe manifestaba: "Son galego, non estou separado da natureza. Non estou nunha dialéctica coa ela. Fixen este filme de maneira natural. Non foi “quero facer un filme no que a natureza sexa importante”. Estou disolto nela. Sempre fago filmes no rural. E sempre que podo vivo no rural, na natureza. E iso nótase. De feito, estou habitado por esa natureza, por aquel val. Desde pequeno, é un espazo que me habita, tenme secuestrado. Son unha expresión máis dese val, unha ferramenta del. Unha raíz invertida. Hai raíces que van cara á terra e hai raíces que son os seres humanos, unha extensión máis".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

‘O que arde’, preseleccionada para representar o Estado español nos Oscar
comentarios