mércores 22/09/21

O Arde Lucus retorna á axenda festiva de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Mocidade, Mauricio Repetto, reparten na praza maior os estandartes cos que decorar as casas de cara á vixésima edición do Arde Lucus.
EuropaPress_3766795_alcaldesa_lugo_lara_mendez_reparte_estandartes_motivo_arde_lucus
Imaxe do reparto de estandartes na praza Maior de Lugo na terza feira. (Foto: Nós Diario)

Entre o 17 e o 20 de xuño a cidade de Lugo vai acoller a vixésima edición do seu Arde Lucus, a festa de recreación romana e castrexa coa que se conmemora a historia e a orixe da localidade.

De cara aos catro días de festexos, organizados entre 19 asociacións e o Concello de Lugo, a alcaldesa Lara Méndez e o concelleiro de Mocidade, Mauricio Repetto, repartiron nesta terza feira na praza Maior os "estandartes", tanto romanos como castrexos, destinados a seren colocados nos balcóns e xanelas das vivendas.

A alcaldesa destacou que se trata “dun Arde Lucus diferente pero non menos importante dado que é o 20 aniversario”.

Ademais, a rexedora referiuse á xornada do día 19, cando se transmitirá a festa en liña a través da rede, “queremos que se afonde na consecución dese Arde Lucus internacional e en liña podemos chegar a calquera recuncho do mundo, a calquera fogar”, destacou.

Se a Covid-19 levou a que en 2020 xa se realizara o festexo en liña, nesta ocasión, segundo Mendez, móntase "algún campamento, sempre a vontade das propias asociacións e con control de capacidade, para ir recuperando ese aceno de identidade como pobo que é a nosa historia, o noso pasado, a nosa cultura, da que moito peso se asenta no romano".

Lara Méndez explicou que “Lucus Augusti é unha cidade que se foi conformando con xentes de distintos lugares e o que pretendemos é que este 20 aniversario do Arde Lucus sexa un punto e seguido na consecución dese grande obxectivo que é a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional".

Esta distinción sumarase a outras dúas alcanzadas na historia desta celebración de recreación histórica, "Festa de Interese Turístico Galega e Festa de Interese Turístico Nacional", sinalou. 

comentarios