martes 14.07.2020

Marcos Abalde gaña o Johán Carballeira de Poesía con ‘Alcatrán’

O xurado valorou o poemario polo traballo léxico, que canaliza as historias persoais coa colectiva, e que dignifica o local

Marcos Abalde
Marcos Abalde

Marcos Abalde Covelo resultou gañador do XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario titulado Alcatrán. O xurado, conformado por Arancha Nogueira, poeta e gañadora da pasada edición, Mercedes Queixas, escritora e mestra de lingua galega, e Lara Dopazo, poeta marinense, salientou que se trata dun poemario “cun gran traballo léxico, que canaliza as historias persoais coa colectiva, e que dignifica o local”.

Así mesmo, salienta que os versos destacan pola súa concisión, e por unha unión perfecta entre fondo e forma.  Na acta, o xurado quixo mencionar tamén outra obra, Invernía, que chegou ata o final e que  consideran tamén de gran calidade.

O poemario erixiuse gañador de entre os preto de sesenta traballos presentados ao certame nesta modalidade, polo que o autor farase cun premio de 1.500 euros e a publicación da man da editorial Xerais.

comentarios