Contracultura

Arantza Portabales: "Nas miñas novelas non só hai crimes, emprégoas para falar dos temas que me interesan"

Arantza Portabales, escritora, vén de publicar a súa terceira novela protagonizada polos inspectores Santiago Abad e Ana Barroso, O home que matou a Antía Morgade (Galaxia). Portabales somérxese na realidade das persoas que medran en vivendas tuteladas, xa que, como ela defende, “é unha forma de pór enriba da mesa a desprotección 
e a vulnerabilidade”. 
Arantza Portabales volve cunha nova historia tras o éxito de 'Beleza vermella' e 'A vida secreta de Úrsula Bas'. (Foto: Rubén García).
photo_camera Arantza Portabales volve cunha nova historia tras o éxito de 'Beleza vermella' e 'A vida secreta de Úrsula Bas'. (Foto: Rubén García).

Tras A vida secreta de Úrsula Bas, xa tiña pensada unha terceira entrega?
Tíñao máis claro que cando fixen a primeira. Para min, é súper divertido escribir novela negra e ir xogando coas persoas que a len, polo que, salvo que non funcionasen en absoluto, escribirei sobre esta parella de novo. O home que matou a Antía Morgade xurdiu un día que ía cunha amiga a Bueu presentar esa segunda entrega e cadramos ao falar do marabillosas que eran as novelas de Agatha Christie nas que hai xente comendo, marcha a luz e cando volve hai un morto enriba da mesa.

Ao momento, viume a imaxe do Obradoiro, o Día do Apóstolo, con todo o mundo mirando cara arriba e, ao baixaren a ollada, aparecese un morto. 

Despois, xa foi xurdindo todo o demais, porque nas miñas novelas policiais non só hai crimes e asasinatos, senón que as emprego para falar dos temas que a min me interesan; neste caso o abuso sexual, a morte, o loito...

E tamén a realidade das persoas que medran en vivendas tuteladas.
Si, eu coñezo esta realidade a través do meu traballo, aínda que levo máis a parte económica e neste libro falo da parte social. 

Hai seis personaxes que reciben o acoso do home que matou Antía Morgade e eu precisaba que pertencesen a un colectivo danado pola vida, de superviventes, que nalgún intre foi marxinal e que dalgunha maneira continúa a selo. Precisaba que fose un colectivo que tivese medo. 

A novela transcorre en dúas épocas, unha en 1998, cando estas persoas están sendo tuteladas, e outra 23 anos despois, cando se reencontran e morre un deles, e esta é unha forma de pór enriba da mesa a desprotección e vulnerabilidade, que non toda a rapazada é favorecida. 

Como foi a documentación desta parte social?
Teño un amigo que durante anos levou a xestión dos pisos tutelados e fomos intercambiando varias mensaxes e audios en Whatsapp nos que me ía contando unha serie de cousas prácticas que eu precisaba saber para poder situar a historia: cantas educadoras ou titoras hai nunha casa, como son as quendas...

A realidade xa a coñecía: sabía como era un piso tutelado, a filosofía que seguen... Hoxe en día temos moitísimas vantaxes, porque non se pode escribir sobre unha realidade se non a coñecemos. Un escritor de 1960 tiña que pór o abrigo, saír da casa e plantarse na porta da casa de alguén que lle explicase. Nós temos moitísima información, só hai que buscar en internet a memoria que ofrece a Consellaría de Política Social para coñecer a rapazada que está baixo a garda e custodia da Xunta.

Con todo, eu quería saber en profundidade da dinámica deses pisos e así poder contextualizar para que as persoas que non coñezan esta realidade, non a perderan de vista. De todas formas, a min non me gusta que o labor de documentación apareza explicitamente nas novelas. Toda a documentación que fago é para que non renxa nada, mais non desfruto dese tipo de novelas nas que os datos aparecen como se fose un ensaio. Isto é narrativa. 

Como está sendo a acollida da historia?
O libro saíu unha sexta feira e nesa primeira fin de semana xa había persoas preguntando cando saía a seguinte entrega, posto que xa terminaran esta. Faime moita graza esta capacidade de consumo de algo que a min me leva 18 ou 20 meses facer.

É unha pasada! Ademais, fixemos segunda edición o primeiro día, e iso que fixemos unha tiraxe importante, mais había moita xente agardando pola novela. É moi gratificante, mais tamén desacougante, porque xa sabemos que cando hai moitas expectativas sobre algo, é difícil estar á altura e o peso da responsabilidade está aí, tamén diante das editoriais, que están a facer un inxente esforzo de promoción.

Comentarios