Aprender cinema de proximidade no Golfo Ártabro

O cinema naceu a xeito de rexistro de imaxes en movemento da contorna humana. A saída dos obreiros da fábrica ou o tren chegando á estación que documentaron os irmáns Lumière figuran na historia como actos inaugurais do cinematógrafo no albor do século XX. O programa pedagóxico Vidas Mariñeiras propón ao alumnado da bisbarra do Golfo Ártabro aprender as técnicas audiovisuais precisas para "a posta en valor dos oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras".

mapa do Golfo Ártabro
photo_camera Mapa da zona norte do Golfo Ártabro.

Impulsada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro do Golfo Ártabro Norte e financiada con fondos comunitarios europeos, a iniciativa desenvolverá varios "proxectos cinematográficos" que desembocarán en filmes sobre o mundo do traballo no mar. Segundo a declaración de intencións abeirada na súa web, Vidas Mariñeiras procura revalorizar o "patrimonio material e inmaterial do Golfo Ártabro, a partir do rexistro das accións e actividades das persoas que habitan a zona". Cinema do real, cinema de proximidade.

Marcos Flórez e Pablo Cayuela, da cooperativa Numax de Santiago de Compostela, serán os técnicos encargados de acompañar ao estudantado de 3º e 4º da ESO e mais de 1º de Bacharelato dos centros de ensino da comarca (que abranxe os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume) na súa experiencia cinematográfica.

Para facer parte de Vidas Mariñeiras cómpre achegar ideas -artelladas por grupos de entre 5 e 15 persoas- antes do 9 de outubro ao concurso cuxas bases se atopan en vidasmarineiras.gal. A organización prevé, ademais, realizar xornadas informativas polos colexios e institutos nas primeiras semanas do curso para chamar á participación. Dese concurso saíran os proxectos por desenvolver.  

"Aínda hoxe é evidente o potencial da imaxe en movemento para dar conta do que facemos ou pensamos", afirma a organización na páxina web, "das arelas e conflitos que atravesan calquera comunidade humana e de como estas poden achegarse ao mundo a través do cinema e a súa capacidade para fabular e, simultaneamente, rexistrar o real que nos rodea".

Comentarios