Aprazan os Mestre Mateo debido á evolución da pandemia

A Academia Galega do Audiovisual comunica que, dadas as novas restricións que entran en vigor esta terza feira, a entrega de galardóns adíase até o 10 de abril.
Imaxe de arquivo da lectura dos finalistas doutra edición. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo da lectura dos finalistas doutra edición. (Foto: Europa Press)

A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta tarde que os XIX Premios Mestre Mateo quedan adiados até o mes de abril como resposta ás novas restricións que estipulou a Xunta pola evolución da pandemia que empezarán a aplicarse hoxe.

“Consideramos que é a decisión máis responsable que podemos tomar, nun momento de crise sanitaria como o que estamos a vivir”, explicaron desde a Academia.

“Se a situación sanitaria o permite”, a institución prevé anunciar as candidaturas finalistas o 10 de marzo. Así, a gala de entrega prevese para o 10 de abril.

No entanto, a mudanza obrigada pola Covid-19 non afectará a estrutura do evento nin a cuestións que xa estaban fechadas como que a dirección estará a cargo do director teatral e actor Tito Asorey.

A humorista e actriz Lucía Veiga encargarase de presentar o espectáculo, que poderá ser seguido a través da TVG.

“Realizaremos novos anuncios sobre as actividades que acompañarán aos XIX Mestre Mateo cando a data estea próxima ou se se producise algunha novidade”, engadiron as mesmas fontes.

Os galardóns contan co apoio do Concello da Coruña, a Deputación, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da CRTVG.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios