A aposta polas “Malas linguas”, primeiro cuádruplo CD con corenta temas inéditos

Un reto e a aposta por un “megaproxecto” no que levan máis de dous anos traballando. A banda Tu mujer nos engaña publica Malas linguas, un pioneiro traballo con catro CDs e corenta temas, case a totalidade inéditos. 

tumujer2

Levan máis de dous anos traballando mais, como explican, o reto ben o merecía. A banda Tu mujer nos engaña quixo apostar por algo que ninguén até agora fixera e se botaron a andar para compoñer e gravar corenta temas, case todos inéditos, que se publican no cuádruplo CD titulado Malas Linguas, con cancións en galego, español e inglés. 

“Levamos tocando desde o 2009. Temos discográfica propia co cal quixemos idear un proxecto que aínda ninguén fixera e decidimos publicar catro Cds con corenta temas que se vende a só 10 euros, a aposta é tamén para que chegue ao maior número de xente posíbel”, sinala Lolo Arincón, un dos compoñentes da banda que ten unha traxectoria persoal de máis de 25 anos no mundo da música. 

A idea inicial era que o disco se chamase “o comezo do principio” porque, ao seu ver, recollía a teima do seu novo traballo, un volver a empezar cun proxecto ao grande que impulsara definitivamente a súa carreira musical. Para iso contaron cunha listaxe de colaboracións tan ampla que dá idea do mundo que se move arredor da banda. Alberto Cereijo de Los Suaves, Oscar Avendaño de Siniestro Total, Fernando Madina de Reincidentes, Piti Sanz, Vituco Neira de Ruxe-ruxe, La Pegatina, Xurxo Souto de Os Diplomáticos, Bocixa de Zënzar, Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro (Mucha e Nucha), Ramón Figueira de The lákazans, Ghaiteiros da CIG Noite ou Ro Muñoz de Diela son algúns dos colaboradores que tocaron canda eles neste novo traballo. 

Temas aprobados por todo o grupo

“Sempre hai alguén que fala mal de ti e por iso gustounos tamén o de “Malas Linguas”, Cremos no noso traballo e esta é unha aposta moi grande. Somos de idades diferentes e distintos gustos musicais mais neste traballo quixemos que os temas nos gustaran a todos, cada quen aportaba os seus mais tiñan que ser aprobados por todo o grupo”, explica Arincón, aínda entusiasmado pola resposta do seu concerto no Derrame Rock. tumujer1

Case a totalidade dos temas son inéditos. Dos dous que non o son un é a súa versión de ”Grândola, Vila Morena”, o célebre tema de Zeca Afonso, un tema que enviaron á radio Antena 3 de Portugal e que fixo que os reclamaran desde Vila Nova da Cerveira para que a súa interpretación fose a banda sonora dunha campaña polo corenta aniversario da revolución dos cravos. Canda outro tema versionado dun grupo arxentino, son as dúas únicas cancións non compostas expresamente para este traballo. “Puxémoslle nós música e o día do corenta aniversario da revolución estabamos a tocar alá e cando llo contei a meu pai díxome, que non sabía, que ese día estaba eu con só tres anos en Portugal”, comenta Lolo Arincón, dese episodio que só soubo agora mais que lle gusta relatar neste momento que están abrindo novas portas no país do Zeca Afonso. 

Rock fusión, a única definición posíbel

 “Quixemos facer algo que chamara a atención e que nunca se fixera e conseguímolo"

Cústalles definir a música que fan, uns sons que beben de moitas fontesm mais rock fusión é o que máis se lle acerca para explicar esa sorte de non responder a un estilo fixo. “Eu crieime coa movida dos anos oitenta mais cada quen ten as súas influencias e iso tamén se nota no traballo final. A nosa clave é tocar só os temas que nos gustan aos catro”, explica. 

O programa de aquí en diante é presentar o traballo en distintos lugares e, despois, agardar a que os concertos cheguen. “Vivir disto? Son dedos contados. Nós non confiamos nesa posibilidade mais, de todas maneiras, aínda que non gañaramos nada, fariámolo igual. Co rock sempre aconteceu así. Facémolo porque nos gusta. Ogallá puidera ser mais non acreditamos nesa posibilidade, está lonxe... Queremos que a nosa música chegue a todo o mundo e que se nos poida escoitar”, engade Arincón que explica así o baixo prezo do cuádruplo cd. 

 “Quixemos facer algo que chamara a atención e que nunca se fixera e conseguímolo. Os colaboradores dicían que estabamos tolos mais todos se prestaron a participar. Agora ninguén poderá tirarnos o mérito de sermos os primeiros que apostaron por sacar ao tempo un traballo de catro discos que non fora compilatorio”, gábanse desde a banda. 

Malas linguas é o segundo traballo do grupo de A Bandeira Tu mujer nos engaña, formado por Lolo Arincón, Francisco Montoto, Iago Jorge e a voz de Noelia Montoto. Producido por Lolo Arincón, o traballo foi gravado, mesturado e masterizado nos seus propios estudos de gravación e publícase baixo o selo Xonix Record. Na súa traxectoria, a banda recibiu varios premios e recoñecementos como o do concurso “Novo Son” da Radio Galega en diversas ocasións ou o Derrame Rock. 

Comentarios