venres 24/09/21
RICARDO CASCALHAR ‘DELOISE’, @LINGUANATIVA, EDITORA GALEGA DE MúSICA INDEPENDENTE

''A aposta na lingua fai parte da nosa identidade como discográfica''

Ricardo Cascalhar é un dos alicerces de 'Lingua Nativa', unha iniciativa que fermentou entre o amor pola música electrónica -abrindo o foco a un amplo abano de xéneros converxentes- e a aposta no compromiso na língua e cultura -abrindo o foco na ribeira máis mundial do galego que é a Lusofonía- .

 

Ricardo-Cascalhar-Deloise-Língua-Nativa

Ricardo Cascalhar ten de alcume Deloise, un nome con peso e recoñecemento tamén alén Miño e Padornelo no universo musical que baila e pensa cos sons de electrónica, 'experimental' e 'down-tempo'. 

- `Lingua Nativa' aparece con ambición no aspecto musical (xéneros diversos en torno á música urbana) e lingüístico (o galego na súa dimensión internacional)...

- “Nós vimos da música urbana mais non quixeramos fechar o espectro no que nos movemos senón abordar o máximo posíbel. Somos unha editora independente mais non gostamos de nos encasillar nun estilo concreto que nos impida medrar no futuro. No que atinxe á lingua, a editora ten unha imaxe, unha identidade e na nosa identidade está apostar na lingua e facelo na súa forma internacional”.

- A idea de realizar este proxecto estivéchela madurando durante bastante tempo...

- Estiven. Sempre tiven gañas de montar unha discográfica e tiña claro que a lingua ía ser algo importante nela. A lingua é para min un redescubrimento. A editora xa está activa e sacamos hai pouco o noso primeiro traballo, un copilatorio de varios artistas que está a ter boa acollida, radiándose algúns temas en radios portuguesas.

- Dis que a lingua é para ti un redescubrimento, por que?

- Eu son neo-falante. Son de Vigo e até os 18 ou 20 anos falaba sempre en español, tiña dificultade para me expresar en galego. Mais comecei a ir a Portugal e de alí son editoras que publicaron os meus traballos musicais. Entón tiña que ir alá e tiña que expresarme, o que me levou a me expresar en galego. Foi por necesidade, por dicilo así. Realmente, que separa o galego e por portugués? A escrita? O sotaque según onde de fale? Un pouco vocabulario? O mesmo que separa o castelán de Madrid do de Arxentina e non por iso deixa de ser castelán

- Ten dificultades esa aposta en tender pontes, tanto no musical entre estilos diferentes, como entre as diferentes formas do portugués? Como foi o de editar o voso primeiro traballo?

- O primeiro traballo que editamos foi complicado levalo á frente. Mais por motivos de non poder traballar fisicamente cos diferentes artistas, senón a distancia e co que iso supón. O certo é que fico contente coa acollida que tivo. A idea é traer hip hop da lusofonía a Galiza e que o que se fai aquí sexa coñecido e valorado fóra. Aquí hai nomes moi interesantes, como Malandrómeda. Mais non hai moitos que metan voz en galego. E iso é algo ao que desde Língua Nativa quixeramos contribuír, que os artistas de aquí que optasen por meter voz o fixesen no senso máis favorábel ao portugués.

- O deseño e a imaxe tamén ten un espazo moi importante no proxecto...

- Ten. De feito eu gostaría de que se sumasen artistas non só a nivel musical, senón tamén no visual, na imaxe... O feito de que teñamos en LN esa liña tan identificativa, na que hai sinxeleza e moita meticulosidade débese a unha persoa que me acompañou nesta travesía e é veciño meu e deseñador, Abisäl D3sign.

Entrevista publicada no semanario Sermos Galiza nº130. Podes adquirilo na nosa loxa

comentarios