Entrevistamos Bieito Romero

"O apoio popular fai que Luar na Lubre siga vivo"

Constancia interna e traballo. Estas son, segundo Bieito Romero, as receitas que levaron Luar na Lubre a facer 30 anos. Conversamos co compositor e portavoz do grupo folc a poucos días de percorrer o Estado español, México e Portugal para dar a coñecer o último disco. Deixamos aquí un extracto da entrevista, que poder ler íntegra no Sermos Galiza 232.

Que pasou hai 30 anos? Como naceu Luar na Lubre?

Eramos un grupo de amigos sen máis pretensión que facer música folc. Naquel momento era complicado, porque non era unha música recoñecida. A nós gustábanos e empezamos un pouco inspirados por esas correntes que nos chegaban doutros lugares, ou o que xa había no país, como Emilio Cao ou Milladoiro. Comezamos dunha maneira totalmente amateur. Ao ano seguinte de formarnos como grupo estivemos participando por primeira vez no Festival Intercéltico de Lorient na Bretaña, e ao pouco de voltar, gravamos o primeiro traballo, no ano 1988, que se titula O Son do Ar.

4Cal era a vosa idea? Criades que poderiades chegar a ser profesionais?

Non, cando empezas cun proxecto destas características en ningún momento se che pasa pola cabeza, e sobre todo naquel tempo. Eramos rapaces moi novos e era un tempo no que esta música non estaba concibida como para ser profesional. As circunstancias, e sobre todo a constancia e o traballo, fixeron que o grupo fose medrando até o momento de tomar a decisión de facernos profesionais. Pero non, nun primeiro momento nin se nos pasaba pola cabeza esa posibilidade.

Cantos membros quedades da formación orixinal?

Do ano 1986 quedamos dúas persoas. De 1987 quedamos tres. O resto da xente foi entrando en diferentes períodos. Digamos que do principio quedamos tres persoas.

Que se sente despois de celebrar os 30 anos como grupo? Tendo en conta os 18 álbums, as xiras, os premios que obtivestes e os dous discos de ouro.

Séntese gratitude. A satisfacción de poder dicir que nestes intres podes dedicarte a isto con recoñecemento. un recoñecemento popular importante, unha agrupación como a nosa non tería posibilidade de resistencia. Hai un apoio popular que é o que realmente fai que Luar na Lubre siga vivo, e hai unha constancia interna e un traballo. A tenacidade de loitar, porque isto é unha loita do día a día. Non é nada fácil, hai moito traballo detrás de todo isto. Pero a gratitude de despois de 30 anos estar aí, e ver que a xente te apoia e que realmente o que fas serve…

[Podes ler a entrevista enteira no Sermos Galiza 232, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios