Conversa con García Mc

“Apetecíame unha renovación total”

García Mc é un referente no panorama musical galego. Comezou a rapear letras propias con tan só trece anos e leva xa máis de dez dedicándose á música de xeito profesional. Esta terza feira 18 de xullo, dentro do festival Terra da fraternidade, en Compostela, apresenta o seu novo proxecto, García Mc & Nación Quilombo, no que culminan estes vinte anos adicados á música e co que abre unha nova etapa da súa carreira.

-A música estivo presente na túa vida dende moi novo, en que momento te atopas agora  a nivel profesional?


-Este ano fago, precisamente en decembro, vinte anos que comecei a rapear, con trece anos. É un momento importante. Todo o proceso destes vinte anos culmina precisamente neste proxecto agora mesmo que é a Nación Quilombo. Enfróntome a un espectáculo, dirixido por min, onde estou acompañado de cinco instrumentistas. É importante a ese nivel, porque nos estamos xuntando e reunificando a Nación.

-En que consiste este proxecto?


-Nós utilizamos precisamente iso de Nación nun sentido internacional, nun sentido que derruba fronteiras, un pouco enmarcado nas músicas do mundo. A idea é levar o rap como a outro nivel. Levar o rap a diferentes ritmos, estilos. Esa é un pouco a clave. 


O nome da iniciativa é, por unha parte, unha homenaxe a Chico Science e Nação Zumbi. De aí xorde un pouco a idea de poñer tamén Nación Quilombo. Por outra parte, está a nación hip hop que nace precisamente en 1973 no barrio do Bronx coa fundación da Universal Zulu Nation. Parte un pouco tamén desa idea e de aí que empreguemos o concepto de Nación Quilombo. Quilombo tamén como esa forma de rebeldía dos escravos que se rebelaban para facer un quilombo, unha comunidade de xente que fuxía da escravitude na procura da liberdade anhelada.


-Nas túas letras hai tamén algo de rebeldía, de acción social?


-Si, agora na Nación Quilombo. Neste proxecto hai como tres partes. Hai unha parte claramente festiva, de baile, moi importante nesta nova iniciativa. Tamén hai unha parte reivindicativa que ten que ver con temáticas de carácter máis social pero logo tamén hai outra parte que é unha novidade para min. Digamos que é unha parte máis intimista onde falo tamén de situacións, do que a min me pasou na vida, de vivencias persoais. Esa é a parte na que o principio dubidaba un pouco máis se facela pública ou non pero creo que pode ser moi útil non só para min, senón que para a xente que se pode sentir tamén identificada. Son temas, ao fin e ao cabo, universais.

A idea é levar o rap como a outro nivel. Levar o rap a diferentes ritmos, estilos.


-Foi esta quizais a parte máis difícil?


-Non, non máis difícil á hora de executala, pero en parte si. Sempre te cortas máis á hora de contar certas cousas que te tocan máis no plano máis persoal, máis íntimo.


-A iniciativa parte de ti?

-Si, basicamente é o meu proxecto. A Nación Quilombo foi creada por min. É un proxecto persoal, pero apetecíame que tivese ese respaldo con esta identidade detrás. De aí a idea da Nación Quilombo.


-Cando comeza o proxecto?


-Esta idea comeza hai aproximadamente nove meses, canda o WOMEX 2016 en Compostela, comeza a materializarse aí, e ademais toda a traxectoria da que viña tanto en Ghamberros,  como en Dios Ke Te Crew, como en Labregos do Tempo dos Sputniks foi algo que me empurrou a dar un novo paso. Foi un momento como de ver e verme. No sentido de onde estou, por que estou aquí, para que fago isto, ten sentido, non ten sentido... entón é un momento non que fago como unha introspección moi forte até o punto de decidir se tiña que dar máis pasos como músico ou simplemente quedar, conformarme co que fixera até o momento. Igual de abrir outras vías de comunicación, ou de expresión da miña arte. Pero a conclusión foi claramente que tiña que seguir adiante, que tiña que seguir adiante facendo as cousas dunha forma como moito máis ambiciosa, no mellor sentido da palabra. No sentido de dar un salto, un salto cuántico á hora de traspasar fronteiras e á hora de facelo cun espectáculo dunhas características máis amplas e iso non é fácil nos tempos nos que estamos. De aí é de onde viñan moitas dúbidas. Porén, estamos aí na pelexa. Esta primeira data de García Mc & Nación Quilombo vai ser o 18 na praza da Quintana dentro do Festival Terra da Fraternidade. É moi importante porque estamos claramente xa enmarcados na onda pola que queremos tirar.

Sempre te cortas máis á hora de contar certas cousas que te tocan máis no plano máis persoal, máis íntimo.


-Por que esta data para comezar?


-Pois esta data xurdiu, xurdiu este festival e a nós pareceunos moi interesante. Creo que ten unha importancia: é o primeiro concerto deste proxecto e, automaticamente, estamos ante miles de persoas. A non ser que chova que aquí nunca se sabe (risas), en principio, os concertos da Praza da Quintana son multitudinarios. Isto é moi interesante, poder partir co solte de amarras precisamente aquí onde se está xestando todo, en Compostela. Esa é unha razón moi importante. Outra razón é porque vou estar colaborando con Bixiga 70, banda do Brasil. Esta banda fusiona pero basicamente é unha banda bastante afrobeat. É moi interesante porque tamén nos conecta directamente coa lusofonía que para nós iso é fundamental.


-Este festival enlaza coa vosa idea de internacionalidade e interculturalidade?


-Si, sen lugar a dúbidas. Foi como perfecto, foi como unha guinda a estes meses de traballo o feito de poder ter este punto de partida. 


-Cales dirías que foron as principais dificultades do proxecto?
-Eu creo que consolidar a banda. Esa foi a tarefa como máis complexa.


-Coñeciádesvos de antes? Traballaredes antes xuntos?
-Non todos, non todos. De feito aos que coñecía non tiña demasiado trato con eles e nunca traballaramos xuntos. Estamos todos estreándonos en relación (risas). Apetecíame moito que fose así.

Foi como unha guinda a estes meses de traballo o feito de poder ter este punto de partida [no festival Terra da Fraternidade]


-Foi algo buscado entón?


-Si, porque me apetecía que fose unha renovación total. Aínda que non é partir de cero porque un vén dunha traxectoria vital na música, si que me apetecía que fose como unha renovación onde puidéramos pois poñer en común dende cero este proxecto con esta xente. Mostrarlle as miñas letras, a miña idea e consolidar o equipo. Excepto con DJ Mil, que vai estar presente e é o meu DJ de todos estes anos. Para min tamén é moi importante que estea no escenario porque só cunha mirada sabemos perfectamente o que queremos dicir. Aí temos moita conexión, para min é un gran DJ, se cadra o que máis respecto aquí en Galiza polo traballo que fai diariamente.


-Que me dis dos músicos que forman Nación Quilombo?


-Contar con Fran Sanz ou Luis Miranda é importantísimo pola súa traxectoria profesional. Tamén hai xente máis nova e creo que é moi interesante porque van sorprender moito tanto o guitarrista, Guillermo do Valmiñor, como o batería, Martín de Ribeira. Nese sentido está guay porque equilibra bastante a cousa. Xente que leva moito tempo na música e xente que está comezando nun formato así máis grande. A balanza está bastante equilibrada: están esas ganas dos que comezan e tamén esa pausa dos que xa poñen os puntos sobre as íes. É interesante esta combinación. 


-Hai algún proxecto futuro en mente?


-Imos estar tamén no festival Feito a man aquí en Compostela e a idea é a partir de aquí, seguir fechando datas e pois saír a navegar. Poñer este barco a navegar e ir alén mar. Estar alí onde nos soliciten e poder movelo, poder mover moito este directo. Realmente esta banda está plantexada como algo para directo, para facer música ao vivo e a maiores eu estou sacando singles. Estou sacando sinxelos que saen cada dous, tres meses, dependendo. De momento saíron dous novos que son Cleptocracia, coa colaboración de Gato Persa e tamén coa produción dos escandinavos Life and Death Productions, e logo saíu xa un tema con banda, coa Nación Quilombo, É a partida. Estes dous sinxelos saíron cos seus respectivos videoclips e a idea e ir sacando sinxelos con diferentes colaboracións. 

A balanza está bastante equilibrada: están esas ganas dos que comezan e tamén esa pausa dos que xa poñen os puntos sobre as íes.


-É moi forte o vínculo con Galiza?


-Si, claro, aínda que non quixésemos ese vínculo estaría aí (risas). Toda a miña existencia musical está baseada na nosa cultura, dende o que nós somos para o mundo.


-Como ves o panorama musical galego actual?


-A min meréceme unha opinión marabillosa a nivel creativo, aínda que é certo que se podería apostar por abrir máis se cadra a oferta cultural. Isto é xeralizar e xeralizar nunca é bo pero creo que si que estaría ben que houbese máis atrevemento á hora de conectar con xente que está facendo cousas moi diferentes. A veces vexo que a pesar de que hai estilos moi diversos, todo queda en grupos de perfís como moi concretos. Igual é o único punto que poría para tirar das orellas un pouco. Pero é certo que iso tamén é complicado para a xente que organiza que xeralmente son de asociacións e demais. É a sociedade civil a que está levantando todo isto, afortunadamente! Falta ter como un mapa das iniciativas. Bótase moi en falta por exemplo, cando estaba Xurxo Souto na Radio Galega que estábamos todos pendentes, sabíamos que era o que estaba pasando, que grupos xurdían... Os medios de comunicación públicos dannos bastante as costas á cultura en xeral deste país. É unha eiva moi grande que hai. Faltaría visibilizar un montón de iniciativas ben interesantes que hai. 

Toda a miña existencia musical está baseada na nosa cultura, dende o que nós somos para o mundo.


-Que tería que pasar este 18 para que García Mc & Nación Quilombo saísen satisfeitos do escenario?


-Que o público acepte a nosa proposta. Iso para nós é o máis importante. Que a xente baile, que a xente escoite. Para min o máis importante é tocar o corazón das persoas, isto é o máis importante de todo, chegar á xente, senón non tería sentido facer o que fago. Se o público baila, e desfruta do noso espectáculo e estás transmitindo unha mensaxe, xa está. Eu considérome un servidor da palabra para que chegue a xente, a humanidade. Todo o resto son medios para ese fin. O máis importante é que cheguemos e saian do concerto dicindo non foi un concerto, máis senón que houbo algo que se me moveu. 

Comentarios