O Apalpador fai a súa visita da man de 'Sermos Galiza', que se adiante e sae o día 24

O novo número do semanario, que de forma puntual sairá publicado esta sexta feira en lugar do sábado, tamén inclúe unha entrevista con Xosé Lois Carrión sobre o facsímile do derradeiro número da revista 'Nós' que agasallará Nós Diario ás lectoras e lectores o próximo 31 de decembro.
Reportaxe sobre o Apalpador que sairá publicado no Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reportaxe sobre o Apalpador que sairá publicado no Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

O novo número de Sermos Galiza sae publicado de maneira excepcional esta sexta feira 24 de decembro (o sábado 25 de decembro non se publica o xornal) e canda el chega o Apalpador á túa casa...

Xosé Barros analiza esta figura propia do Nadal galego na reportaxe de apertura: ‘O Apalpador. Do Courel para a Galiza’. No texto alude aos diferentes nomes que recibiu este personaxe así como aos contos sobre a súa visita para comprobar se as crianzas foran ben alimentadas durante o ano, entre outras cuestións.

Así mesmo, Xosé Ramón Ermida entrevista Xosé Lois Carrión, nun texto que inclúe imaxes de Xan Muras. Baixo o título ‘Xosé Lois Carrión. Custodio da memoria galeguista’, o garda do legado de Leuter González Salgado -primeiro concelleiro nacionalista de Ourense- e fundador e director da Asociación de Amigos da República de Ourense avanza algunhas das chaves do facsímile que Nós Diario agasalla a próxima sexta feira, 31 de decembro, ás persoas lectoras.

O experto alude á xeración Nós, á revista Nós e tamén á represión que padeceron “as xentes de Nós”. Tamén reflexiona sobre a figura do seu pai, Eleuterio González, explicando quen foi. Hai tempo para falar con claridade sobre outras dúbidas.

E de claridade pasamos á ornamentación de Nadal da man de Lois Alcayde e o fotógrafo Arxina. ‘As moitas e as poucas luces. O custo ambiental e económico do acendido de Nadal’ fala da realidade actual de Vigo, pero non só desa cidade para amosar os efectos de tanto led nas rúas.

Mentres unhas persoas elixen visitar ou reflexionar sobre o alumeado festivo, outras optan por aprender máis sobre a arte urbana. Se é o teu caso podes ir canda o Colectivo Xea -formando por Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro- coñecer ‘DesOrdes’ creativas. Gozando da arte na rúa’.

Máis tempo para a lectura ou a música

Aproveitando que hai festivos, gozarás de máis tempo para a lectura. Por iso temos unha escolma de recomendacións de todo tipo ben interesantes. Na sección de Libros Mario Regueira propón ler O grupo de Tito Pérez e Susana Sanches Arins escolle Desmontando o corpo: construíndo a ciencia de Andrea Barreira.

Belém Tajes selecciona BMP de Salvador Sobral para que teñas un acompañamento musical, mentres que César Morán asina ‘Memoria do Zeca’. No que respecta ao cinema, con Andrés Castro poderás saber máis sobre a premiada Eles transportan a morte de Helena Girón e Samuel M. Delgado.

Manuel Xestoso analiza a nova peza da compañía Elefante Elegante na parte de Escena e Xerardo R. Roca e Xoán Costa fornecen algúns retos mentais cos seus pasatempos.

Que tes que facer para dispor de todos estes contidos? Merca o Sermos Galiza que acompaña Nós Diario esta sexta feira, 24 de decembro, nos quiosques ou na nosa loxa en liña. Tamén podes adiantar agora mesmo un dos propósitos do novo ano e facer a subscrición!

Comentarios