A Apalpadoira tamén existe

Non é unha simple versión feminizada do Apalpador, ten vida de seu
APALPADORA 4
photo_camera Imaxe de arquivo da Apalpadora cun grupo de rapazas e rapaces (Foto: FB da Apalpadora)

Non é a muller do Apalpador. A Apalpadoira existe e ten vida de seu, tamén na tradición que, coma no caso do carboeiro, emana do mesmo punto: as montañas dos Ancares. Así o testemuñaron fontes orais recollidas polo profesor Álvarez-Balbuena. E a recuperación da Apalpadoira vai xa coma un foguete.

"Fronte á masculinización das personaxes de Nadal, é necesario introducir a Apalpadora", afirmaba Anxo Moure nunha entrevista en Nós Diario hai un ano. Preguntado entón sobre se tiña constancia da existencia de testemuños desta figura feminina, recoñecía que "eu non coñezo moito sobre se hai testemuños", defendnedo a necesidade da Apalpadora "porque realmente a grande protagonista da montaña con respecto á educación das nenas e dos nenos era a muller". 

Mais si que hai testemuños da existencia non da Apalpadora senón da Apalpadoira. A orixe desta personaxe está no ritual berciano da Apalpadoira, relacionado coa Noitevella, e cuxo coñecemento débese ao profesor Fernando Álvarez-Balbuena, que nunha gravación realizada na aldea de Arnado (concello de Oencia) dona Manuela Álvarez Prieto, nacida en 1929, narra no galego propio da zona o desenvolvemento deste singular rito polo que se cominaba ás crianzasa comer ben na "Noitevella", até quedar "fartos" para todo o ano; de non ser así, de non se fartar esa noite, viría A Apalpadoira para palpar a barriga dos pequenos e comprobar que efectivamente os pequenos e pequenas da casa comeran ben.

Esta figura feminina que facía o ritual co nome de "apalpadoiro" ou ou "apalpadoira", e que se desenvolvía na Noitevella de forma parecida ao relatado pola señora de  Arnado; desenvolvíase tamén noutras zonas das montañas orientais galegas, segundo tradicións recollidas ao longo destes anos. 

Coñecer

A Apalpadora ou Apalpadoira - que as dúas denominacións están a se estender na recuperación desta personaxe- está a gañar presenza no Nadal galego. Se hai uns anos a súa presenza e coñecemento era nulo agora - e mesmo neste Nadal de 2020 tan condicionado polo coronavirus-  está a gañar espazos.  Así, por exemplo, esta personaxe do noso Nadal pasou participando en actividades por diferentes cidades e vilas do país, de Compostela a Cordeiro, do Grove ao Rosal.

Futuro

A Apalpadoira ou Apalpadora ten quen a manteña viva, quen lle dea vida, como ben testemuñan en apalpador.gal. Rapazas como Antía Vázquez ("xa chegou a Apalpadora! Dende a Serra do Faro, recorrerá ata os máis pequenos recunchos da Galiza máis profunda. A través de cantigas, contos e lendas achegará a sua historia...").

Ou tamén Iseo A Moura ("A Apalpadora é unha muller namorada da montaña. Unha carboeira forte, acostumada a vivir soa e valerse por si mesma. Pero cada ano precisa atopar o camiño que une a montaña coa xente. É por iso que no Nadal baixa a agasallar cariño e caloriña en forma de castañas e carbón"). Mais a listaxe é ampla e figuran nela máis nomes, como os de Raquel Queizás ("traíanos castañas para comer, enredos de madeira para xogar e carbón, si, carbón para non pasar frío…"), Xanotas e Leirotas,... Todas pulan por dar cada vez máis cabida a esta personaxe do Nadal galego que colle forza a partir da memoria dunha muller galegofalante do Bierzo.

Mari Domingi e o debate da igualdade de xénero co Olentzero

Mari  Domingi é un personaxe fantástico vasco que en moitas ocasións acompaña o  Olentzero, personaxe da tradición vasca que se encarga repartir os agasallos en Nadal. Creouse na cidade de San Sebastián en 1994 coa intención de buscar un maior equilibrio en cuestión de xénero na representación tradicional do nadal en Euskal Herria.

Porén, moitas organizacións feministas están en contra da súa incorporación á tradición porque consideran que porque no fondo perpetúa os roles de xénero. Realmente preséntase a Mari Domingi como un personaxe secundario do Olentzero.

A orixe é a protagonista dunha panxoliña tradicional recollida a comezos do século XX no que unha pastora chamada Mari Domingi quere ir a Belén a ver o Neno Xesús e dinlle que ten que mudar a saia vella.

Comentarios