Anxos García: "Queremos que Rosalía nos fale de si mesma"

A profesora do IES Fragas do Eume, Anxos García, lidera un proxecto cultural sobre Rosalía de Castro: "A Rosa Incandescente".
saadasasdsaasadsd
photo_camera Momento dunha das probas de rodaxe da curta. (Foto: Cedida)

Anxos García é profesora do instituto Fragas do Eume de Pontedeume. O ano pasado, celebrando o Día de Rosalía de Castro no centro, decatouse, durante unha actividade, de que a utilización dunha actriz que encarnaba a poeta e falaba sobre esta en primeira persoa “triunfou e sorprendeu enormemente o alumnado”, asegura en declaracións a Nós Diario

Ante a boa acollida deste feito e con “moito tempo polos meses do confinamento”, García desenvolveu esta idea e creou o proxecto cultural "A Rosa Incandescente", que aglutina unha curtametraxe, actividades didácticas e a difusión da investigación feita sobre Rosalía de Castro.

En relación á curtametraxe, aínda en proceso de preprodución, a idea “parte de querer que sexa a propia Rosalía de Castro que nos fale de si mesma e nos guíe pola súa traxectoria vital e pola súa obra”. 

Para aproveitar este proxecto e como “quería transmitir a todo o mundo o legado da poeta, creamos a parte didáctica da iniciativa”. Esta realizarase a partir do material audiovisual da curta e pretende ofrecer unha exposición xeral acerca do tema e propor diferentes actividades nas que se xoga coa análise da linguaxe cinematográfica e literaria e coa comparación dos recursos que ambas utilizan.

Difusión do proxecto 

Ademais, crearon unha parte de difusión. "A Rosa Incandescente" tamén é o nome da páxina de Facebook na que se van compartindo os avances da investigación que está a facer co seu equipo para a realización da curta. Cuestións como os obxectos que debería haber nas casas que puido habitar Rosalía de Castro ou a vestimenta que se utilizaba nesa época dependendo da clase social ou do contexto son detalles que están a ser estudados con esmero. 

Ana Gesto é a responsábel do vestiario e da ambientación da localización. Un bosquexo do traballo que está a realizar xa está publicado nas redes sociais do proxecto, onde podemos ver a súa interpretación da vestimenta de Rosalía con base nas poucas fotos que existen dela. Tamén forman parte do equipo deste proxecto David Vázquez (Dirección e realización), Tamara Lorenzo (Banda sonora) e Alba López (actriz que interpretará a Rosalía).

Na canle de Youtube pódese visualizar o seu primeiro vídeo: "Declaración de intencións".

Comentarios