Anxos Sumai gaña o García Barros con “A lúa da colleita”

“A lúa da colleita” de Anxos Sumai é a obra gañadora da XXV edición do Premio García Barros que se fallou no concello da Estrada. 

Anxos Sumai
photo_camera Anxos Sumai

A escritora Anxos Sumai aborda en “A lúa da colleita” a “cuestión de identidade e a maneira de percibir a realidade que pode xerar incertezas, é dicir, dúas persoas poden interpretar un episodio de distinta maneira”. A pouco de saber que a súa nova novela é a gañadora do García Barros, Anxos Sumai prefire non desvelar o contido do libro que proximamente editará Galaxia. “Trátase dunha novela especial, de grande tensión narrativa” coméntanos, despois de anotar o grande esforzo que lle supuxo a escrita desta nova obra. 

“Transcorre nunha praia e é unha novela chea de luz, co mes de agosto e a Ría de Arousa como marco, na desenvocadura dun río. Está chea de sombras personais” afirma a escritora, feliz por un novo recoñecemento que se incorpora a súa sólida carreira narrativa. 

Literatura como evocación

Nese feixe de títulos que marcan a traxectoria literaria de Anxos Sumai, “A lúa da colleita” supón para a autora “unha continuidade”, a seguir coa súa vontade de se situar na fronteira, nas distintas fronteiras. “No inicio foi nos límites da realidade e a ficción, logo na propia familia e agora na percepción, cando o propio corpo crea limitacións ou aperturas á vida. Aí está o xogo, a evolución, explorando no mesmo territorio” explica Anxos Sumai. 

En canto ao oficio da escrita, a autora afronta nesta nova obra, unha “forma de narrar máis descritiva, máis pausada e reflexiva, recreándose nos detalles e na importancia da literatura como evocación”. 

O xurado composto por Inma Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Luis Alonso Girgado, Carlos González de Lema Malvar e Carlos Loureiro Rodríguez, destacou que se trata dunha novela “na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, e recreado a través dunha prosa límpida, da depuración extrema que flúe limpa e imparablemente.” 

Comentarios