Anxos Sumai e Berta Dávila, Premios da Crítica en narrativa e poesía

Son dúas das autoras máis premiadas nos últimos meses. A lúa da colleita (Galaxia) de Anxos Sumai fixérase co García Barros. Raíz de fenda (Xerais) valeulle a Berta Dávila o Johán Carballeira e foi parte do recoñecemento que recibiu como mellor autora nos Anxel Casal da AGE. As dúas escritoras son agora galardoadas cos Premios da Crítica, Sumai en narrativa e Dávila en poesía. 

Anxos Sumai
photo_camera Anxos Sumai

Os Premios da Crítica, que cada ano outorgan a Asociación Española de Críticos Literarios veñen de recoñecer os nomes de autores e autoras gañadoras da nova edición que, no caso da lingua galega recaeron en dúas mulleres, Berta Dávila e Anxos Sumai. 

Co Premio da Crítica, Berta Dávila súmalle ao seu libro de poesía Raíz de fenda un novo galardón, despois de ter recibido xa o Johán Carballeira. A autora que o pasado ano publicou tamén a novela 
 O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia) e o álbum infantil A fuxida (Biblos) recibiu tamén o premio a mellor autora do ano nos Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores. Raíz de Fenda é tamén candidata a mellor libro de poesía nos premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. O libro de Dávila conseguiu ademais a singular marca de ter esgotado a primeira edición en só un mes. “Non sei se mudei ou se o libro me mudou a min porque se deu tamén un cambio na maneira de afrontar a escrita. Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza”, ten explicado do seu libro. 

Nas fronteiras da percepción

Pola súa parte, a Anxos Sumai, a novela A lúa da colleita déralle xa a alegría do premio García Barros ao que agora se engade o da Crítica como mellor obra de narrativa galega que se deu a coñecer en Logroño. A novela de Sumai é tamén finalista aos premios da AELG que se entregarán o vindeiro 3 de maio. No seu novo título, a escritora situouse, como xa ten feito en repetidas ocasións na súa traxectoria literaria, na fronteira.  “No inicio foi nos límites da realidade e a ficción, logo na propia familia e agora na percepción, cando o propio corpo crea limitacións ou aperturas á vida. Aí está o xogo, a evolución, explorando no mesmo territorio” sinalou Anxos Sumai cando recibiu a noticia do García Barros, á maneira de presentación da novela, unha obra na que autora afronta unha  “forma de narrar máis descritiva, máis pausada e reflexiva, recreándose nos detalles e na importancia da literatura como evocación”. 

Comentarios