Anxo Rei e Fátima Delgado actuarán no Ciclo De Perto

Os días 5 e 6 de xullo terá lugar no Barco de Valdeorras o X Ciclo De Perto. Nel creouse o Recanto Florencio, un espazo onde actuarán o cantautor Anxo Rei e a actriz Fátima Délgado.
O cantautor Anxo Rei nunha actuación (Foto: Nós Diario)
photo_camera O cantautor Anxo Rei nunha actuación (Foto: Nós Diario)

O cantautor Anxo Rei e a actriz e poeta Fátima Delgado participarán os próximos días 5 e 6 de xullo no X Ciclo De Perto no que se abre o Recanto Florencio, un espazo das voces valdeorresas arredor do poeta de Córgomo e da súa obra. Ambos artistas actuarán na parroquia de Viloira, no Barco de Valdeorras (xardín da Casa Grande, 20.30 horas). 

Anxo Rei (Rubiá, 1957) leva máis de corenta anos cantando e compoñendo cancións, con letras propias e con poemas de Rosalía, Celso Emilio, Antón Tovar ou Delgado Gurriarán.

Con versos deste último gravou en 2003 Fronteira de cegoñas e precisamente neste ano das Letras de Florencio o cantautor valdeorrés volve cantar aquelas cancións en directo.

A súa discografía complétase con A rabela da pluma (2006), Ao son da auga (2009), O año pitaño (2012), Rosa (2016), así como o colectivo Poesía Galega en Música (2015). Ademais, ten participado en numerosos festivais e ofrecido recitais en localidades de toda a Galiza. 

Conferencia documental de Fátima Delgado

Fátima Delgado (O Barco de Valdeorras, 1981), poeta, actriz e dramaturga, presentará O tío Florencio, unha conferencia documental que quere amosar, segundo Delgado "a miña relación persoal coa figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán, quen tamén era o meu parente". 

Partindo do arquivo familiar das irmás Delgado no que figuran cartas e postais que Florencio lles escribía, obxectos especiais e anécdotas que viviron con el, construíu unha conferencia documental.

A través da correspondencia que o poeta lles enviaba desde o exilio de México e baseándose nas súas propias lembranzas, a actriz achegouse ao Florencio máis familiar.

Comentarios