Anxo Muíños: "Recoñezo que escribir narrativa é algo que me esgota, o que non me pasa coa poesía"

Anxo Gómez Figueira, coñecido como Anxo Muíños (Taragoña, Rianxo, 1966), vén de publicar na editorial Toxosoutos o seu novo traballo, Xinque!, a segunda parte da saga que comezou con O alén dos barqueiros. Ten, ademais, un libro de poesía, Ulín, que comezara a escribir en Irlanda do Norte e que viu a luz en 2015. A paixón de Muíños pola cultura marítima e o medio ambiente deixa pegada nas súas obras que, iso si, van sempre moito máis alá. En Xinque!, Muíños tece a historia coa colaboración da súa filla, Elia Gómez. 

anxo muiños

Que é Xinque!?

É a segunda parte da saga que comezou con O alén dos Barqueiros. Naquel libro o protagonista era o antropólogo sueco Ingemar Westtertorma, que no marco da II Guerra Mundial viaxaba desde a súa terra até Portugal, pasando por diferentes países, entre eles a Galiza. En Xinque!, a protagonista, Fanes, é a filla daquel antropólogo; unha rapaza comunista que percorre diferentes países até rematar en California, en pleno auxe do movemento hippie. Esta segunda parte abrangue os anos entre 1965 e 1969 e remata cando militantes do movemento indio de Estados Unidos ocupan a prisión de Alcatraz, en San Francisco. 

Fanes inicia o seu propio percorrido vital no medio dunha Europa que esperta aos aires revolucionarios do Maio francés e a Primavera de Praga. É unha especie de viaxe iniciática de transformación que a levará por diversos lugares do mundo. Diferentes ámbitos míticos e ideolóxicos de Oriente e Occidente, achegándonos as cosmovisións de culturas e pobos dos cinco continentes e poñendo todo en contexto coa fonda metamorfose que o mundo experimentou no derradeiro terzo de século XX.

Di que fai parte dunha saga máis ampla...

Fai. A primeira parte é a de O alén dos barqueiros e céntrase na mitoloxía, aborda contos, lendas e supersticións. Esta, Xinque!, aborda máis ben as ideoloxías, nuns anos, os sesenta, nas que o mundo era un fervedoiro.

Xa estou traballando na terceira parte desta saga, no que a reflexión dixírese máis ben ao que se deu en chamar as zonas temporalmente autónomas. A respecto da cuarta, teño en mente que sexa máis como unha road movie e xa a partir do século XXI. E haberá tamén unha quinta parte, se ben aínda estou pensando cal sería o eixo, ando a darlle voltas a temas como a etnobotánica, as multinacionais farmacéuticas...

Neste libro colaborou coa súa propia filla, Elia Gómez. Como foi a experiencia? 

Moi positiva. Foi algo que me axudou moito. Á hora de tratar a parte máis idealista precisaba desa visión moza, de xente nova. Eu creo que non podería pórme na pel e ela centrouse máis no emotivo. A colaboración foi moi proveitosa para ambos os dous e para o libro, claro.

Di que as ideoloxías son protagonistas desta segunda parte da saga, nun contexto no que semellaba que era posíbel cambiar o mundo  da noite para a mañá. 

Despois daquilo veu a decepción, que é algo que tamén vou tratar. Os fillos daqueles revolucionarios moitas veces xa non quixeron saber nada daqueles soños. Certo que quedaron como zonas autónomas mais en trazos xerais pouco ficou daquilo.

Escribe poesía e escribe narrativa, dous mundos diferentes para vostede? 

Escribir poesía e escribir novela requiren para min estruturas mentais diferentes. Para min é menos esgotador escribir poesía, quizás pola miña propia forma de ser. A min escribir narrativa recoñezo que me esgota, quéimame. Porén, hai autores nos que é totalmente ao revés, como Xosé Luís Méndez Ferrín, que ten dito que lle custa máis escribir poesía. A poesía non ten por que entenderse racionalmente, hai moita maior liberdade, tamén para o lector. A poesía trabállase máis coa intuición; e hoxe en día, nun mundo tan tecnolóxico e tan racional, unha das poucas ferramentas que temos para espertar a intuición que temos atrapada é a poesía. A poesía non ten que estar mastigada, non ten por que entenderse. Ten esa liberdade.

Comentarios