sábado 30.05.2020
O SECRETARIO XERAL SERíA O RELEVO NATURAL DE VáZQUEZ, MAIS XERA RECEOS NO PP

Anxo Lorenzo, Nava Castro e Valentín García optan á Consellaría de Cultura e Educación

Anxo Lorenzo, Nava Castro e Valentín García son os nomes que con máis forza se senten para relevar a Xesús Vázquez no goberno galego. Feijóo optaría polo perfil dunha persoa con cargo xa no seu goberno para ocupar a carteira de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no último ano de lexislatura. 

.
.

A pouco máis de un ano do fin da lexislatura, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ten sobre a mesa un dos nomeamentos máis complexos do seu goberno, decidir quen ocupará a macrocarteira de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria cando o seu titular, Xesús Vázquez, saia definitivamente do goberno para se presentar como candidato á alcaldía de Ourense. Segundo distintas fontes consultadas por Sermos Galiza, diante do que será o último tramo da lexislatura, Feijóo non fará unha aposta arriscada e tirará de algún dos nomes xa presentes nalgún dos cargos do seu goberno. Destarte, tres son os nomes que en San Caetano se senten con máis forza: Anxo Lorenzo, Nava Castro e Valentín García. 

Anxo Lorenzo, fidelidade a Feijóo

O de Anxo Lorenzo sería un nomeamento previsíbel, levando en conta a súa condición actual de secretario xeral de Cultura e cargo máis visíbel do departamento de Xesús Vázquez. Ao seu favor tería tamén a súa experiencia como profesor universitario, o que lle daría certo coñecemento para a outra área da consellaría, a de Educación e Ordenación Universitaria. Anxo Lorenzo ten mostrado xa a súa fidelidade a Feijóo e o seu partido, o que foi recompensado co ascenso de Política Lingüística á Secretaría Xeral de Cultura, premio que compartiu cun Xesús Vázquez que viu como a súa área de goberno se alargaba coas competencias de Cultura, alén das que anteriormente tiña de Educación. Conta tamén Anxo Lorenzo co beneplácito do goberno do que asumiu, en primeira instancia, o complexo labor de comandar a xestión da política lingüística no período no que o goberno de Feijóo comezou a imprimir de maneira implacábel o recorte e os pasos atrás na normalización da nosa lingua. En contra ten Anxo Lorenzo a desconfianza de parte do PP que non o dan visto como un dos seus e reclaman un perfil máis orgánico para o cargo no executivo de Feijóo. O partido débelle, de todas maneiras, que mantivera o tipo na imposición do decretazo que protagonizou algunhas das maiores mobilizacións contra o goberno de Feijóo. 

As moitas bazas de Nava Castro

A máis dura competidora de Anxo Lorenzo sería, a tal altura, a responsábel de Turismo da Xunta, Nava Castro, cargo que ocupa desde xaneiro de 2013. As eivas de Anxo Lorenzo cúmpreas esta muller de Ponteareas que con anterioridade foi deputada e directora xeral de Comercio. Nava ocupou tamén a alcaldía do seu concello natal entre 2000 e 2003 e foi tamén deputada provincial do partido. Nava Castro é filla do alcalde de Ponteareas, José Castro -célebre pola súa xestión personalista e pola súa teimosía contra o galego- que gobernou o municipio de 1968 a 2000 e tivo que abandonar o posto por imposición da Xustiza diante do que foi acusado de prevaricación continuada por ter colocado no Concello 21 militantes do partido.

A favor de Nava Castro está tamén a súa estreita relación con Feijóo, como se pode comprobar nas famosas fotos tiradas na Praza de Touros de Pontevedra na que ela é a única muller nun grupo no que, ademais do presidente da Xunta están Pachi Lucas, “o conseguidor” dos contratos de Crespo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán ou o director de ABC, Bieito Rubido. O contra de Nava Castro é a falta de relación cos sectores da Cultura -a non ser pola “inmersión” na Cidade da Cultura a través de Turismo con proxectos expositivos e en patrimonio polo Camiño de Santiago- e o pouco coñecemento da complexa área de ensino. 

Valentín García, mellor visto no PP que Lorenzo

A estes dous nomes vénse sumar nas últimas semanas o de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Home de máis baixo perfil público que Anxo Lorenzo e con sona de máis dialogante cos axentes culturais, Valentín García levanta menos receos no partido co que tampouco ten relación orgánica. Malia iso, García executou as directrices de Feijóo en materia lingüística -ao igual que Lorenzo- mais, fronte ao seu competidor, desde o PP consideran que a súa ambición é menor que a do secretario xeral de Cultura, o que proporcionaría un fin de lexislatura máis tranquila. Valentín García chegou ao goberno da Xunta precisamente para ocupar a vacante de Anxo Lorenzo co seu paso á Secretaria Xeral de Cultura. Foi, entre outros cargos, primeiro presidente da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística e coordinador técnico da Rede de Dinamización Lingüística.

comentarios