Lorenzo abre a porta a reconsiderar o abandono da Xunta das feiras internacionais do libro

En resposta a unha pergunta formulada en comisión por Olalla Rodil (BNG), o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, revelou que esta cuarta feira enviou unha carta á Asociación Galega de Editores (AGE) con cinco compromisos para garantir o retorno da Xunta ás feiras internacionais do libro.

Olalla Rodil. Comisión de Cultura
photo_camera Olalla Rodil, nunha comisión de Cultura

A Xunta comeza a dar marcha atrás á súa intención inicial de abandonar as feiras internacionais do libro, segundo se tira da interpelación dirixida esta quinta feira pola parlamentar do BNG Olalla Rodil ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Lorenzo relatou á comisión de Cultura do Parlamento galego que esta quinta feira enviou unha carta á AGE para abrir un novo marco de colaboración que permita a presenza da administración galega nas feiras internacionais, co que, portanto, se reconsideraría a retirada da Xunta das citas de Francfort, Barcelona, Guadalaxara (México) e Bolonia [tal e como están as cousas actualmente, só é fixa a súa asistencia á de Bos Aires].

Na misiva, a Xunta oferece cinco compromisos á Asociación Galega de Editores: o primeiro, a da presenza nas feiras internacionais cun stand en representación do conxunto do libro galego; o segundo, a posta dese espazo ao servizo de todos os axentes do sector, estean ou non organizados nalgún tipo de asociación; o terceiro, a atención ao stand será a cargo de persoal da Consellaría, mais tamén da AGE; o cuarto, a administración galega sufragará os gastos de desprazamento ás feiras da persoa que na súa representación designe AGE; e quinto, a elaboración de materiais impresos e dixitais que dean conta das novidades editoriais galegas.

Lorenzo afirmou que a Xunta agarda agora a resposta de AGE, entidade coa que a Consellaría tivo unha reunión o pasado 8 de febreiro para "avaliar novas vías de colaboración". Nesa xuntanza, relatou, as editoras demandaron da Xunta colaboración para asistir ás feiras de Francfort e Barcelona, "petición que imos atender".

A hipotética rectificación de Cultura -aínda por materializar- chega após a intensa presión do sector editorial, "enfadado", en palabras de Olalla Rodil, pola táctica inicial da Xunta, que, para xustificar o seu abandono das feiras, tería responsabilizado as editoras dun suposto "desinterese" pola presenza da administración galega nestes eventos chave para a internacionalización do libro galego.

Rodil negou tal "desinterese" e cualificou de "mostra de soberbia" a actitude da Xunta frente a quen "non lle dá a razón", en alusión a unha entidade, a AGE, que engloba o 90 por cento das editoriais galegas. O disenso inicial identificouno a parlamentar do BNG en diferenzas a respeito do modelo de xestión do stand da Xunta nas feiras, espazo que nos últimos anos "vén sendo atendido por persoas alleas ao sector do libro galego", sen formación suficiente, por tanto, para cumprir coa tarefa de garantir a proxección internacional das novidades editoriais.

"Chaman vostés desinterese a unha proposta moi clara e concreta [a formulada por AGE] encamiñada a procurar novas fórmulas de colaboración e xestión que permita combinar os intereses institucionais e os comerciais no marco das feiras internacionais", subliñou a parlamentar do BNG.

A deputada acusou a Xunta de derrogar na práctica a Lei do Libro, texto legal de 2007, nas súas previsións relativas ao apoio á internacionalización do sector e, nese sentido, denunciou que desde que Feijóo é presidente a Xunta retallou "83 por cento dos fondos destinados á edición en galego e máis de 50 das partidas para o apoio á promoción do libro".


 

Comentarios