Contracultura

Anxo Iglesias: "Hai que transmitir ás crianzas que a poesía é unha ferramenta incríbel para divertirse"

Anxo Iglesias (Vigo, 1967) é docente en Educación Física nun instituto de Gondomar e combina a súa profesión cun longo interese na dinamización cultural, a través de asociacións como Espazo Lectura, da que foi socio fundador e para a que coordinou clubs de lectura e desenvolveu outras actividades. Como músico, fai parte tamén da Banda dos Cueiros, nacida da consciencia da necesidade de crear un espazo para bebés vinculado a este proxecto. Este ano gañou o Premio Merlín (Xerais) con Unha nova dimensión, a segunda vez na historia do certame que o fai un libro de poesía, que será, ademais, a súa primeira publicación literaria.
Anxo Iglesias, gañador do Premio Merlín, convocado pola editorial Xerais, deste ano. (Foto: Cedida por Xerais)
photo_camera Anxo Iglesias, gañador do Premio Merlín, convocado pola editorial Xerais, deste ano. (Foto: Cedida por Xerais)

—Este será o seu primeiro libro editado, é tamén o primeiro que escribe?
A escrita forma parte do meu "currículum oculto", dediqueime a ela durante gran parte da miña vida, sobre todo estes últimos quince anos, desde que participo en Espazo Lectura, para quen escribín algúns poucos textos para dinamizar as actividades. Pero, salvo isto, vivina sempre como algo privado, un lugar onde deitar as miñas experiencias e emocións, enténdoa como un lugar liberador.

Podo dicir que a escrita sempre estivo aí, como unha terapia para sandar algunhas circunstancias da miña vida. Escribo principalmente poesía e dunha forma sinxela, desde unha posición de observador e sen ambicións, a edición non foi nunca unha prioridade neste sentido aínda que ás veces noto que estas creacións tocan algo nas poucas persoas que as len.

—Que representa este poemario dentro desa actividade máis privada? Por que presentalo a un premio?
Case nada do que escribo é para crianzas, penso un pouco nisto pola miña profesión e as miñas actividades culturais e porque me custaba atopar poemas cos que poder facer algúns xogos. Fun compoñendo unha peza e foi tomando forma. Envieina ao certame como unha maneira de recibir opinións de persoas que estivesen máis alá do meu círculo inmediato, nunca pensei que chegaría a gañalo, aínda que o premio e as súas datas tamén me axudaron a darlle unha forma definitiva e deixar o proxecto rematado.

—Hai máis obxectivos na escrita para crianzas?
Tiña máis intencións: pensaba que a min de pequeno, cando comezaba a ler, ninguén me amosou ou me puxo diante todas as posibilidades que ten a poesía. As crianzas teñen que saber que a poesía está aquí e que é unha ferramenta incríbel para expresarse, atoparse, xogar coa linguaxe, descubrir as posibilidades das palabras... e tamén para divertirse. Penso no libro como un xeito de dicir: "mirade todo o que podemos facer con isto".

Nótase tamén na estrutura: cada poema representa unha forma de xogar coas palabras e tratei de representar todas as que hai, documentándome moito e lendo moita poesía infantil. Incorporo poemas feitos con palíndromos, empregando só unha vogal, creando cancións de corro... Cada poema é diferente ao anterior, tamén aparecen xogos, adiviñas... e nalgúns tamén se pide a participación da persoa lectora. 

—Hai un tema central entre tanta diversidade de forma?
Hai un fío condutor: falo de unha nova dimensión porque comeza con dous puntos que se atopan e forman unha liña, despois fálase da anchura... e acabo preguntando se non haberá outra dimensión aínda descoñecida que é a poesía. É unha forma de enlazar un monte de temas moi diversos que creo que tamén lle dan o seu ton particular e divertido.

Se me preguntasen por que hai que ler o libro eu diría que porque saen cousas tan dispares como Ana Peleteiro, a miña avoa que falaba con gheada, unha ministra de minestras, un astronauta infinito, un Pan Punk e un limón. E hai que lelo para saber como é posíbel combinalas.

—O libro ten algún contido didáctico?
Algo pero pouco: pequenas chamadas que van explicando cada recurso. O principal é convidar as crianzas a que lean e poidan atreverse tamén á creación. Creo que a didáctica convencional da poesía predispón a que o público novo crea que é algo aborrecido e hai que demostrarlles que pode ser todo o contrario. Non concibo traballar con crianzas sen aludir á dimensión lúdica, que é algo que fago tamén aquí.

Comentarios