'Aí vén o maio!'

Anxo González Guerra: “De catro a catro' é o exemplo máis claro e logrado da poesía de vangarda”

Anxo González Guerra é o autor do fascículo número sete da colección Aí vén o maio. Catedrático de Lingua e literatura, con varios premios á innovación educativa, a súa web ogalego.eu, mantida en colaboración con Vitoria Ogando, segue a ser un referente para a docencia do galego.
anxo gonzalez guerra
photo_camera Anxo Gonzalez Guerra

No seu traballo di que De catro a catro é un libro único, exemplo, que non modelo, para quen queira hoxe facer algo diferente. Pode aclarar un pouco máis isto?

Certamente, este libro ensina como se pode explorar un camiño diferente na poesía, mais non é un modelo a imitar, porque non se pode facer algo coas mesmas características ou formas xa que entón non sería xa algo único e novo. Abre un camino que non fora explorado aínda e pode servir de mostra para que outros creadores se animen a facer algo seu tamén novidoso.

Que supón De catro a catro no sistema literario galego?

É o exemplo máis claro e logrado da poesía de vangarda, asemade é tamén o grande libro poético do mar visto desde unha óptica anovadora e orixinal. Usando un galego depurado, culto e moi ben enraizado no léxico mariñeiro Manuel Antonio adiántase moitos anos ao que será o galego contemporáneo. Poemas coma “Sos” ou “Navy Bar” teñen que figurar en calquera escolma da nosa poesía.

Que repercusións tivo, e ten, De catro a catro na literatura galega?

Este libro de 1928 era difícil de conseguir ata que en 1972 García Sabell publicou a poesía de Manuel Antonio. En 1979 dedicóuselle o Día das Letras Galegas ao autor rianxeiro e comezaron as edicións que foron convertendo De catro a catro nun dos libros de referencia da poesía galega de todos os tempos. Son xa moitos os autores que homenaxearon estes poemas nas súas obras e é un faro para as novas xeracións poéticas.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios