A exposición 'Sombras atlánticas' reúne 34 retratos de artistas da Galiza

Anxo Cabada ilumina os rostros da arte

Anxo Cabada leva catro anos percorrendo os estudos de 34 artistas da Galiza para retratar aquelas persoas que están a crear imaxe plástica durante o últimos cincuenta anos. Ata o 15 de xaneiro o resultado pódese observar na mostra Sombras atlánticas. Retratos da arte galega que se inaugurou o pasado 4 de novembro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Anxo CAbada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Anxo CAbada. (Foto: Nós Diario)

Tendemos a pensar no retrato como un xénero que apela á psicoloxía do retratado, á descrición da personalidade dun individuo. Mais existe outra dimensión do retrato que apela ao social, á forma en que ese individuo interactúa coa comunidade á que pertence.  E a ese dominio se remite o fotógrafo Anxo Cabada na serie que agora expón no Museo de Pontevedra: Sombras atlánticas. Retratos da arte galega reune retratos en branco e negro de 34 artistas da Galiza, mostrando unha parte do imaxinario e a identidade do país das últimas décadas. 

"As paisaxes están habitadas por persoas, e que mellor retrato do país que o das persoas que ocupan as súas distintas actividades", explica Cabada en conversa con Nós Diario

Cabada xa experimentara con este formato noutras ocasións: a mediados dos noventa coas súas maregrafías -retratos de xentes do mar-, terragrafías -con xente do rural-, ou coa serie O imaxinario do país, no que fotografaba escritoras e escritores galegos. "En todos os casos se trata de crear unha paisaxe a través dos rostros da xente do país". 

E de aí xorde este proxecto centrado nos rostros da pintura e da escultura das últimas décadas: desde Silverio Rivas a Pamen Pereira, de Jorge Castillo a Mónica Alonso. 

"No traballo de selección manexei diferentes criterios: de procedencia xeográfica, de sexo, de variedade artística... Se, por exemplo, vou a Ourense, estou obrigado a retratar aos chamados artistiñas, e aí temos a Acisclo Manzano ou a Buciños. Tratábase de mostrar a diversidade que existe e de reivindicar o papel de papel na historia das artes plásticas galegas, de poñer en valor unhas traxectorias moitas veces pioneiras e, en ocasións, insuficientemente recoñecidas". 

No proceso de reflexión previo á realización do traballo, Cabada caeu na conta da importancia do movemento Atlántica na historia da arte galega dos últimos anos -"foi a celebración da modernidade na segunda metade do século XX"- e, en consecuencia, deulles un lugar central no proxecto. "Mais a sociedade mudou moito: en Atlántica só había unha muller, Menchu Lamas, mentres que nas xeracións posteriores -as que saen da nova Facultade de Belas Artes, que significou un revulsivo enorme para a arte galega- xa está máis equilibrada a proporción entre homes e mulleres. Por iso entre as xeracións máis novas escollín máis mulleres, para compensar o desequilibrio anterior. Aínda que tamén recuperei a Soledad Penalta, unha escultora que xa tiña moita forza malia non ter pasado por ningún grupo". 

 

As imaxes e as persoas 

Cabada, ademais de elaborar ese retrato colectivo de país, incide en que o seu traballo quere ser tamén un contrapeso "a esa frivolización que o xénero do retrato está a sufrir na era dos selfies. Hai unha deriva na que o predominio da imaxe acaba por esquecer a esencia das persoas. Co nacemento da fotografía -que dalgunha maneira despraza a pintura no retrato-, as persoas tiñan un papel principal. Mais creo que a figura humana está perdendo forza, e a min gústame reforzar a súa presenza, recoñecela como protagonista". 

Para iso, o fotógrafo recupera elementos de iconografías clásicas: os artistas retratados nos seus estudios, con elementos que remiten ao seu oficio "e con eses panos negros de fondo que utilizaban fotógrafos como Virxilio Viéitez, para reivindicar tanto aquela presenza dos protagonistas como o papel que teñen de creadores de espazos, como se fose a súa figura a que se proxectase sobre aquela pantalla, en diálogo directo co público espectador". 

Comentarios