'Ánxel Casal: 125 anos con Nós' chega a Lugo

A exposición adicada a Ánxel Casal abre o pano no Vello Cárcere de Lugo, onde permanecerá até o vindeiro 15 de marzo.
Detalle da mostra sobre o editor nacionalista Ánxel Casal (Nós Diario).
photo_camera Detalle da mostra sobre o editor nacionalista Ánxel Casal (Nós Diario).

O Vello Cárcere de Lugo acolle desde a mañá deste sábado a exposición Ánxel Casal: 125 anos con Nós, que foi presentada pola vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de goberno da cidade, Maite Ferreiro.

A mostra, que foi adiada en 2020 por mor da pandemia de Covid-19, percorre a vida de Ánxel Casal, desde a súa infancia na Coruña, a adolescencia na emigración, o seu apego á aldea do seu pai e o primeiro ensino en galego até mostrar o seu traballo cultural, literario e político.

Foi inaugurada o pasado 17 de decembro, data de nacemento de Casal, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Arzúa da man da Asociación Cultural Ánxel Casal da vila e a Federación Galiza Cultura.

Posteriormente, foi exposta desde mediados de xaneiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela, onde permaneceu até a sexta feira antes de partir cara a Lugo. A mostra estará dispoñíbel para visitar até o próximo 15 de marzo na urbe.

Campaña polas Letras Galegas

Ánxel Casal: 125 anos con Nós é unha das patas da campaña que a asociación arzuá desenvolve para que Casal sexa recoñecido pola Real Academia Galega dedicándolle o Día das Letras Galegas.

“Sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carvalho Calero, Ramón e Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Maside ou Seoane entre outros moitos”, subliñan.

Definíndoo como o impulsor do “libro galego de seu”, apuntan que amais da súa faceta de editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno, “creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial”.
 

Comentarios