Contracultura

Ánxel Carramal: "En 'O Caderno de rama' quería representar os grandes esquecidos das guerras: as crianzas"

Ánxel Carramal, psicólogo e artista, foi galardoado co IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético pola súa obra 'O caderno de rama'. Carramal relata as dificultades de construír unha historia protagonizada por un neno sen nome que recorre á súa creatividade para esquecer a guerra que acontece ao seu arredor xa que, como el di, “tampouco quería que por estar dirixida a crianzas se perdese o sentido da mensaxe”.
Ánxel Carramal entrou na escola O Garaxe Hermético tras estudar Psicoloxía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ánxel Carramal entrou na escola O Garaxe Hermético tras estudar Psicoloxía. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu O caderno de rama?
Eu adoito facer historias de terror ou de thriller, mais cando souben que o concurso era para crear unha obra do xénero infantil e xuvenil intentei buscar a forma de adaptar o meu estilo. Hai anos vin unha noticia sobre un neno afgán que no orfanato facía un debuxo da súa familia para durmir con el. Quedoume gravado e pensando neste premio pareceume que, a pesar de ser dramático, podía adaptarse para crear unha historia.

A partir de aí fun desenvolvendo a trama porque non quería que fose tan crúa como o sería unha historia para adultos, mais tampouco quería que por estar dirixida a crianzas se perdese o sentido da mensaxe. Cando xa estaba na escola facendo probas de arte para os fondos, quería unha cidade que lembrara os edificios propios dos contos, polo que me inspirei moito na Bretaña e en certas construcións de Ámsterdan. Lembro que dous ou tres profesores me dixeran que non o fixera moi europeo porque ía perder realismo dado que desde a Segunda Guerra Mundial ningún país europeo estaba en guerra. Catro meses despois, comezou o conflito de Rusia e Ucraína.

—Isto salienta aínda máis a mensaxe que se dá ao situar a historia no indeterminado.
Claro, é algo totalmente intencionado polo carácter atemporal que eu quería darlle. Por suposto, hai certos elementos, especialmente nos fondos, que poden situar a persoa que le a historia nun momento temporal aproximado, por exemplo, pola existencia de electricidade. A intención da obra é representar os grandes esquecidos das guerras, segundo o meu punto de vista: as crianzas. Salvo en casos de falecemento, que si se contabilizan por separado, penso que non se pensa tanto nelas e, precisamente, penso que non se trata só dos falecementos. Temos que pensar en todas aquelas persoas ás que lles rouban a infancia e a adolescencia, que son obrigadas a madurar á forza.

A miña intención é mostrar a lectoras e lectores europeos que podería pasarlle a calquera. Ao final, o conflito entre Rusia e Ucraína recibiu moita atención porque é o que máis perto temos, mais a día de hoxe seguen activas outras tantas guerras. De aí a falta do concreto: unha cidade indeterminada, nun tempo difuso e con personaxes anónimas. Quero que as persoas se sintan identificadas, non porque poidan pasar por iso porque oxalá ninguén tivese que facelo, mais si para que pensen que isto existe, que non está tan lonxe como pode parecer.

—O feito de que o protagonista se apoie na súa creatividade, é un aliciente para a súa propia?
Tendo en conta que son un autor novel e que aínda estou aprendendo, si é certo que intentei aproveitar todo o que se me puido ocorrer para potenciar a parte narrativa. Xustamente, aproveitando ese refuxio do protagonista na creatividade, xogo bastante e emprego sobre todo a cor para reflectir o seu estado de ánimo. Isto pode verse sobre todo nas viñetas do medio da historia, cando a atmosfera que lle permite crear ese libro máxico e cando está perto das amizades que crea, hai unha especie de aura de cor que fai que a contorna máis afastada teña unha menor saturación da cor mentres que a contorna máis achegada a el ou cando está contento e se sente protexido aumenta a viveza das cores.

Por outra parte, tamén para intentar potenciar a expresividade da arte, as personaxes que non son humanas, estes seres que crea o protagonista, non falan en ningún momento, senón que se expresan a través de debuxos. As crianzas aprenden antes a comunicación mediante símbolos que coas propias palabras, polo que me pareceu a forma ideal de implicar o público infantil na historia.

Comentarios