Cultura

O 'Anuario Brigantino', pioneiro na rede

A revista histórica é unha das máis recoñecidas a nivel galego
Ilustración antiga de Betanzos que se atopa como cabeceira na web do 'Anuario Brigantino'.
photo_camera Ilustración antiga de Betanzos que se atopa como cabeceira na web do 'Anuario Brigantino'.

Para as persoas doutas na materia, o Anuario Brigantino é todo un referente. Malia corresponderse coa área de Betanzos, trátase dunha das publicacións especializadas de historia da Galiza con maior interese. De periodicidade anual, foi fundada polo historiador Francisco Vales Villamarín en 1948 e aguantou até 1951, cunha interrupción no ano 1950. Trinta anos máis tarde, en 1981 o propio Villamarín retomou o proxecto, coa vontade de "servir de espello" do acontecido na comarca, mais tamén de "plataforma para actuacións futuras". Desde aquela, xa suma máis de 40 números que a consolidaron como unha das revistas galegas máis representativas no eido.

"O que presentamos é sempre o do ano anterior", conta Xesús Torres, quen leva colaborando co proxecto desde 1983. El mesmo explica que os contidos foron evolucionando: "Nos primeiros eran moi locais, pero hoxe publícase de toda Galiza, ou tamén artigos portugueses". Así, na última achega desta revista, a de 2018, podemos atopar desde notas sobre a igrexa celta na Galiza desde o século VI, nun artigo onde Martín Fernández Maceiras procura a súa pegada na toponimia e no léxico, até o arquivo fotográfico dos barrios da Magdalena e da Condomiña, no que Ángel  Arcay  Barral  traza a memoria  visual  dos  arrabaldes betanceiros.

Compromiso co virtual

A importancia desta publicación é para Suso Torres "moi grande". Pero ademais ten outra particularidade fundamental: foi das primeiras en atoparse por enteiro na rede. Así nolo explica o actual director do Anuario, Alfredo Erias, historiador e cabeza tamén do Museo das Mariñas (Betanzos). É el quen está persoalmente detrás da web na que se facilitan os contidos. Erias tiña claro desde o principio que a presenza virtual era transcendental, dada a importancia que o fenómeno de internet estaba a acadar.

Considera de feito que este factor foi unha peza chave na relevancia que alcanzou a revista, que se atopa incluída na categoría C do Ministerio de Cultura, integrada na base de datos ISOC de Ciencias Sociais e Humanidades -clasificada pola Unesco, polo que os seus artigos son seguidos nas bases de datos do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas). A presenza dixital "deulle un eco tremendo, porque chegaba a todo o mundo a través de internet", declara o historiador.

Responsábel do deseño desta e doutras iniciativas de dixitalización de arquivos, Erias procura sempre desenvolver plataformas que sexan o máis accesíbeis para a persoa usuaria, coa máxima de "chegar ao que buscas cos mínimos clics", segundo explica.

Os contidos

Nas súas preto de 600 páxinas, o Anuario Brigantino recolle artigos de diferentes disciplinas das ciencias sociais e das humanidades, cun apartado específico para a historia, así como outro de arte e literatura e antropoloxía. Por último, inclúe unha sección estritamente local de acontecementos culturais, explica Torres, na que aparecen, por exemplo, as transcricións dos pregóns das festas patronais ou da feira franca medieval.

Comentarios