O antroido pola xeografía da bica

Cada semana, o equipo Xea convida a coñecer o país desde a súa sección "Andar a Terra" do Semanario Sermos Galiza. Neste artigo ofrécenos un percorrido polas terras dóces do antroido, por unha xeografía definida pola bica, ben de nata, ben de manteiga. 

.
photo_camera .

Pódense facer múltiples divisións de Galiza en función do parámetro que escollamos, sexa de xeografía física, humana, lingüística, económica,... Pero quizais unha ben suxestiva e na que ninguén reparou nunca sexa a división en función do tipo de bica que se fai. A Galiza da costa ou do interior; a Galiza con gheada ou non, a Galiza rural e a urbana. A Galiza das bicas de manteiga ou a Galiza das bicas de nata.

"Nas terras setentrionais de Castro Caldelas, A Rúa, O Bolo e A Pobra de Trives a bica manteigada manda. Na volta das aldeas de Maceda ao pé da Serra de San Mamede os felos son agasallados nas casas con deliciosas bicas deste tipo".

É a bica unha sobremesa para os días de festa cuxa elaboración está moi estendida polas comarcas ourensás. Posibelmente noutros lugares do resto de Galiza se comeran ou coman bicas, recoñézanse por ese nome ou por outros como biscoitos ou queiques. Pero existe unha relación bastante estreita entre o antroido do sueste galego e o consumo de saborosas bicas, acompañadas de licor café cunha maridaxe esquisita, como agora se di. 

O noso incensante correr o antroido degustando bicas ao longo dos anos permitiunos estabelecer unha fundamental división de Galiza, entre aquela da bica manteigada e a da bica de nata. É o Macizo Central –que se articula a partires da Cabeza Grande e a Serra de Queixa- o núcleo de titanio das bicas e do antroido galego. E podemos sinalar o paralelo 42º07’ Norte como o que delimita as dúas grandes tradicións lambereteiras: ao norte bica manteigada, ao sul de nata.

Azucre, fariña, ovos, limón e levadura misturados en función da transmisión particular que en cada casa facían as mulleres de diferentes xeracións, son a base principal desta sobr

emesa. Pode levar outros ingredientes, como canela, noces,... pero a diferenza básica que nos permite separar os dous tipos de bica é a inclusión na receita ben de manteiga de vaca ou ben de nata. 

Nas terras setentrionais de Castro Caldelas, A Rúa, O Bolo e A Pobra de Trives a bica manteigada manda. Na volta das aldeas de Maceda ao pé da Serra de San Mamede os felos son agasallados nas casas con deliciosas bicas deste tipo. Tamén en Sás de Penelas é lexendaria a fama das súas bicas con manteiga e, curiosamente, a traslación que dalí se fixo para elaborárenas en Pereiro de Aguiar non deu mudado o seu intenso sabor, quizais porque ambas localidades seguen na mesma latitude, por riba dos 42º07’ N.

"Laza, a 42º04’ Norte,  epicentro de tantas tradicións do antroido, tamén o é nas bicas de nata"

Ao sul deste paralelo, as bicas de nata dan outra dimensión ao padal. Laza, a 42º04’ Norte,  epicentro de tantas tradicións do antroido, tamén o é nas bicas de nata, entre as que é típica a chamada bica branca, pois dos ovos só se utilizan as claras. O domingo de antroido vívese alí un intre de enorme relevo e significación: a bica do peliqueiro, onde estes dous elementos case sagros se atopan logo da estrea do peliqueiro. Soutelo Verde, O Castro ou Verín traen outras tantas evocacións de chocas, máscaras, bailes de antroido e de apretadas pero esponxosas bicas de nata.

Esta separación norte-sul das bicas ten zonas de transición arredor do paralelo devandito, como aquela na que os foliós encarnan a celebración do antroido. Trátase de Vilariño de Conso, Manzaneda e Viana do Bolo onde as bicas presentan mesturas de elementos das dúas grandes divisións dándolle un carácter especial e propio, moi típico das áreas de fronteira. Coñecedores de que existen aldeas onde a manteiga se usa á par da nata para elaborar bicas, un comando do noso grupo desprazarase á montaña ourensá esta fin de semana para seguir descubrindo novas variantes locais de bicas e perseguindo –en van pero saborosamente- os derradeiros segredos da cociña popular.

 
 

Comentarios