Antonio Somoza : “A ditadura matou e reprimiu de principio a fin”

O investigador Antonio Somoza é o comisario, canda Antón Grande, da exposición “A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia”, promovida pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Somoza explícanos a dimensión da dureza do franquismo que fica á vista na mostra que estará aberta até o 27 de febreiro.

somoza
photo_camera Antonio Somoza

-Que novidades ofrece a exposición “A ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia”?

Trátase da primeira vez que se fai unha exposición na que se intenta abranguer todo o franquismo, até o final da morte do ditador e mesmo transcendendo ese acontecemento. Partimos da idea de que o franquismo se constrúe sobre a base da represión, despois do golpe de estado. A exposición trata a resistencia armada, a guerrilla e a dos partidos políticos, e recolle tamén conflitos que fan parte das políticas do franquismo como a loita contra a cota empresarial agraria ou a central nuclear de Xove.

-Por que inclúen esas dúas loitas?

Son de especial relevancia na provincia de Lugo e teñen a ver directamente coas políticas que se fan no franquismo. No caso da cota empresarial agraria afectaba desde os anos cincuenta e sesenta os nosos labregos e as organizacións políticas antifranquistas desenvolveran campañas na súa contra. Repartíranse, mesmo na clandestinidade, panfletos chamando a non pagar. É, sen dúbida, unha loita contra as políticas do franquismo que ten a súa meirande proxección pública coas tractoradas e responde a unha política da ditadura agresiva cos intereses populares. Canto á nuclear de Xove, no 73 sae o proxecto no Boletín do Estado e nese mesmo ano o Clube Valle Inclán desenvolve unha mesa redonda na que distintos poñentes inciden no prexuízo desa instalación de industria de enclave no país. Aí comeza a protesta que ten o cumio na multitudinaria marcha a Xove até que finalmente o goberno do Estado decide abandonar.

-Que foto fixa ofrece a exposición da represión na ditadura?

Mostra como o franquismo crea unha urdime represiva con distintos ámbitos, militares, grupos armados que cometen asasinatos, o que ten a ver coas responsabilidades políticas e civís... e logo está a represión contra os fuxidos que se organizan no monte primeiro na Federación de Guerrillas e logo no Exército Guerrilleiro até a súa retirada. Na exposición pódense ver desde imaxes das causas militares, de persoas represaliadas e asasinadas, gráficas da represión, documentación da guerrilla, prensa e comunicacións internas, cartas de guerrilleiros, até os selos que utilizaba o Piloto para os seus comunicados. Na última parte, dedicada á loita política, mesmo se chega a facer a reprodución dunha cova, unha habitación nunha casa baixo terra reproducida case a tamaño real. Incluímos tamén documentos represivos do franquismo como fichas de guerrilleiro ou a listaxe de todas as accións de enfrontamento da garda civil coa guerrilla co número de vítimas. No último bloque, dedicado ás organizacións políticas, inclúense desde as cartas que se intercambiaban os dirixentes do Partido Galeguista na clandestinidade, de Ramón Piñeiro con Fernández del Riego principalmente, a panfletos irónicos contra o franquismo ou prensa das propias organizacións. Móstranse tamén obxectos que se empregaron para a elaboración desa propaganda como unha multicopista industrial, vietnamita, ou unha carteira de dobre fondo na que se ocultaba documentación clandestina.

-Á vista da exposición, que podemos descobrir da dimensión da represión e da resistencia?

A imaxe que fica é que a ditadura reprimiu e matou de principio a fin mais existían fendas na mesma que foron aproveitadas por colectivos para se organizar contra ela. Como di o título, son corenta anos de represión no que o franquismo quere manter controlada e disciplinada a poboación. Mesmo así, determinados sectores máis organizados e conscientes manteñen unha resistencia que permite presionar no proceso de transición que, aínda que non rematou cunha quebra democrática que fixera carpetazo co franquismo como agardaban si permitía presionar. Foron, en definitiva, corenta anos moi duros. 

Comentarios