Antonio Piñeiro gaña o Torrente Ballester en galego con ‘A través do fume’

 O xurado destacou a “habilitade narrativa” da obra elixida para a segunda edición da convocatoria na modalidade só de galego.

premio torrente ballester

O escritor Antonio Piñeiro vén de gañar o Premio Torrente Ballester en galego, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela ‘A través do fume'. O xurado - composto por Antón Riveiro Coello, Montse Dopico, María Reimóndez, Armando Requeixo e a gañadora da edición anterior, Eli Ríos, presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín e coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat - destacou a “habilitade narrativa” da obra elixida para a segunda edición da convocatoria na modalidade só de galego.

 O premio consiste en 25.000 euros –o de maior contía da narrativa en galego- e a publicación da obra gañadora. O xurado valorou que a novela de Antonio Piñeiro é un “relato cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”. Destaca tamén na explicación da escolla da obra, que se produciu por unanimidade, o seu “enfoque calidoscópico que recrea maxistralmente a memoria a través do tratamento exquisito da lingua e os obxectos simbólicos do cotián como os selos ou as cartas”.

Houbo 12 finalistas das 59 obras presentadas.

Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962) exerce como profesor de Historia no ensino público e, entre outros premios, gañou o “O Penedo” do Centro Galego de Barcelona, o de poesía “Vila de Rianxo”, o Premio Avilés de Taramancos de relato de aventuras, o XXIII Premio de Novela “García Barros” da Estrada, o Premio de narrativa Manuel Murguía do Concello de Arteixo, o Premio Lueiro Rey de Novela Curta do Concello do Grove ou o Certame literario de Piñor de narracións breves.

Ademais de novela, na súa obra ten visitado o xénero do relato e a poesía. A súa conta de libros iníciase con Paisaxes de Cinza (Toxosoutos) en 2002 e nela atópanse obras como Tres contos de guerra (Colección Bourel), a novela A identidade fascinada (Editorial Galaxia, 2015) ou O noiro (Sotelo Blanco, 2016).

Desde o verán de 2004 dirixe a iniciativa editorial independiente “Colección  Bourel”, a través da que tenta o exercicio artístico baseado no obxecto libro, en clave artesanal e experimental.

Comentarios