Antonio Piñeiro gaña o IV Premio Neira Vilas de Novela Curta

'Esca', un relato "tenebroso" e con elementos simbólicos ambientado na ría de Arousa dos anos 20, concretamente no Balneario da Toxa, foi a escollida polo xurado de entre un total de 13 obras.
 
Xurado Premio Xosé Neira Vilas
photo_camera [Imaxe: Fundación Neira Vilas] Xurado Premio Xosé Neira Vilas

O escritor ribeirense Antonio Piñeiro resultou gañador do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con Esca, un relato "tenebroso" e con elementos simbólicos ambientado na ría de Arousa dos anos 20, concretamente no Balneario da Toxa.

Así o decidiu por unanimidade na súa reunión deste xoves o xurado deste galardón, composto por Rosalía Morlán, Pilar Sampedro, Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo, membros do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo crítico literario e profesor Armando Requeixo.

Segundo narrou Juan Andrés Fernández, de entre todas as obras presentadas, o xurado decidiu conceder o premio este ano á presentada por Antonio Piñeiro, da que destacou a súa "calidade literaria", o "uso do vocabulario" ou a "posta en escena" da trama, ambientada nos anos 20.

Esca está ambientada no balneario da Illa de Arousa e ten como protagonista a un "vello burgués retirado". "Ao seu ao redor viven unha serie de personaxes secundarios que van entrando e saíndo da novela dunha forma un tanto  nebulosa", destacou Juan Andrés Fernández.

Na trama conviven personaxes adultos e infantís cun "asunto  tenebroso" e "elementos simbólicos" que se desenvolven nunha atmosfera de tensión crecente e que conflúen nun " brillantísimo final", que permite ao lector comprender "gran parte da novela".

Aínda que a calidade das 13 obras presentadas este ano levou ao xurado a ter que debater durante máis de dúas horas a decisión, finalmente foi esta "calidade literaria", unida á súa riqueza léxica e ao impactante final, o que motivou a súa elección.

O profesor, editor e escritor Antonio Piñeiro, nacido en Ribeira en 1962, é autor de numerosas obras en narrativa e poesía, que o fixeron merecedor de galardóns como o Premio García Barros (2011), o Premio Avilés de Taramancos (2011), o Premio Torrente Ballester (2017) ou o  XIV Premio de Narración  Curta  Concello de Curtis (2019).

Comentarios