ANTONIO PIñEIRO, AUTOR DE "A IDENTIDADE FASCINADA"

“A Compostela universitaria dos oitenta é un tema ensaístico e narrativo por explorar”

Con A identidade fascinada (Galaxia) o escritor Antonio Piñeiro leva á literatura a Compostela universitaria dos anos oitenta e a fin dun tempo que sitúa na noite na que a explosión na discoteca Clangor puxo fin a unha etapa de entusiasmo.  Como unha “novela híbrida” define esta nova obra, que ten elementos da novela, da autobiografía, do ensaio ou da crónica. 

Piñeiro


-A identidade fascinada responde a un momento biográfico e histórico concreto. O tempo universitario na Compostela dos anos oitenta. 

Foi un tempo no que se deu unha renovación da identidade, un sentir novo que resultou por fascinación por un cambio tan repentino. Nunca á cidade e á súa Universidade chegara tanta xente, todos nacidos do boom dos anos cincuenta e da década dos sesenta. Foi unha explosión inmensa na cidade. 

"Nunca á cidade e á súa Universidade chegara tanta xente, todos nacidos do boom dos anos cincuenta e da década dos sesenta. Foi unha explosión inmensa". 

-Sen ser un libro autobiográfico, é testemuño de alguén que viviu ese tempo?

Ten moito de primeira persoa real, de vivencia narrada, aínda que tamén agroma o elemento documentalista. Resulta sorprendente que este tema non se tocase moito na literatura e, para o meu ver, a Compostela universitaria dos anos oitenta é un tema narrativo e ensaístico digno de explorar.  Esa etapa ten unha personalidade irrepetíbel. Daquela había entre sesenta e setenta mil estudantes. Iso xa non se repetiu e marcou o momento. Estou certo de que vai aparecer máis na literatura, porque é unha trabe de ouro que se acabará por descubrir. Ten interese desde todos os puntos de vista, mesmo comercialmente. 

-A identidade fascinada é crónica, novela, ensaio...?

Ten estilo narrativo de novela híbrida, que existe en Francia mais menos no noso ámbito, cun autor que fai un relato que discorre pola vía da realidade. Literatura da realidade, digamos. No meu caso, o pretexto é a marca vivencial que deixou en min aquel tempo; a pegada intensísima. 

-Xesús Ron, Pilar Candocia, Néstor Rego... son algúns dos nomes que aparecen no seu relato, dunha xeración que agora está nun momento de madurez. Que foi dela?

Moitos convertéronse en persoeiros e adícanse a distintos aspectos da vida pública. Para definirmos o conxunto desa xeración, poderiamos dicir que eran incribelmente activos; grandes personalidades con presenza en moitos ámbitos, do cultural ao político, e no debate continuo. As ganas de vivir e de facer notábanse. Cando ías polas noites de Compostela atopabas a todos por un lado ou por outro, coma unha marea que se cruzaba. Aquela cidade de pedra fora humanizada. 

"Eran incribelmente activos; grandes personalidades con presenza en moitos ámbitos, do cultural ao político, e no debate continuo. As ganas de vivir e de facer notábanse"

-Dalgunha maneira, na obra conflúen unha liña de forte presenza cultural e movida nocturna con outra de eclosión política. Onde se sitúa Clangor?

Clangor tivo a mala sorte de ser o epicentro que marcou a fin da etapa. Tivo, en cambio, a boa fortuna de ser o centro onde se manifestou esa identidade nova. O episodio do estoupido, cos mortos e danados, fixo coincidir o seu final co remate da etapa naquel 1990. Todo estaba moi vivo, mais tamén coa división universitaria en tres campus comezou a esmorecer. 

-Que o levou a pensar entón ese acontecemento como fin dun tempo?

En Clangor pasei moitos momentos. Situabámonos ao carón do baffle que estoupou, entre a pirámide e a porta. Foi un espazo vivido que sufriu logo esa casualidade: un dos puntos máis ferventes da noite, é tamén o que lle pon a chave de peche, sen intención. 

antoniopiñeiro-Compostela era tamén naquel momento a esperanza: fillos e fillas de familias que nunca estudaran confiaban na Universidade para un futuro mellor. Tamén iso rematou e os estudos universitarios deixaron de ser garantía... 

Clarisimamente. A xeración que agora anda nos cincuenta anos era a xeración da esperanza, e boa parte está agora nos centros de acción da nosa sociedade. Aquel foi un momento explosivo que tampouco se podía soster no tempo indefinidamente. Esa xeración pasou por aquel momento que foi de excelencia, dun preciosismo incomparábel. Contra o que se poida pensar, tampouco tiñamos un peso no peto. Era o momento da reconversión naval e moitas familias tiñan que soportar uns créditos altísimos. Había moito medo. Nese caso, podería haber comparación co que agora se vive. 

-”O temario, a fotocopia, o prato combinado, o Ensanche, o vaso de tubo”. A prosaica enumeración do inicio do relato semella unha chiscadela a quen compartiu con vostede ese tempo... 

A idea naceu espontánea. Era o que marcaba aquela época. O ritmo da vida baseábase na mesa do cuarto, a biblioteca, a fotocopia, o vaso... Estabamos en todas partes, era unha conversa continua e unha tentativa sen fin por nos atoparmos na cidade. 

-Son moitas as referencias culturais que aparecen no libro, mais unha con especial forza, Crime en Compostela, de Reigosa. Este libro busca, de igual maneira, abrir novas vías literarias?

Admiro a Reigosa e considero que a súa obra ten unha especial repercusión, sobre todo naquel tempo, no que iniciou un camiño novo na nosa literatura. Oxalá o meu libro adiantase tamén novos vieiros, mais o que desexo é que abra as portas da emoción dos lectores. A satisfacción é dar fe dese momento vivido, da súa memoria, e trasladar ese gozo é o meu meirande desexo. 

-Vostede presentouse e gañou numerosos premios e iniciou a súa carreira na poesía. Que supón este novo libro, que nace sen premio e en narrativa?

A clave coa que traballo é sempre a exploración, o ensaio continuo. Non teño présa nin degoiro, nin centro o meu esforzo na publicación. No que me sinto cómodo é no traballo diario, na descuberta da frase, na beleza da literatura. Esta obra é parte desa exploración, un ensaio narrativo distinto, onde se entrecruzan ensaio, novela e mesmo lirismo, porque na miña obra o poético está detrás de todo. 

-Que razóns levan a un escritor e profesor a botar a andar un selo editorial como Bourel?

Era a maneira de situar no público novas obras, mais con calma, con tranquilidade, e tamén con fasquía artística. De novo, a exploración, traballar no libro de artista, no libro-peza, diriamos, como unha forma singular de expresión. Gústame entrar na carne do libro, e Bourel responde a unha inquedanza por tocar ese territorio. 

Esta entrevista saíu publicada, canda un adianto editorial da novela, no n. 132 do semanario Sermos Galiza, disponíbel na nosa loxa. 

identidadefascinada

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios