ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

Antonio Fraguas Fraguas: unha sombra que agrada

Falando do compañeiro e amigo Xaquín Lorenzo “Xocas”, Fraguas dixera: “é unha sombra que agrada, que sabemos que nos axuda, un membro de todo,sempre disposto a servir”. Estas palabras podemos agora dedicarllas, pois grazas á súa bondadosa sombra medrou o coñecemento e interese sobre a realidade cultural do noso país.

Diante da casa de Aller Ulloa en 1934:
Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga
Pondal, Ferreiro Panadeiro, Fernández
Osorio, Fernández Cochón, Vicente
Risco, González-García Paz, Taboada
Roca, Pedret, Carro, Fraguas, Ledo,
Isla Couto, López Cuevillas e Ramos Colemán (Arquivo MPG-AFF).
photo_camera Diante da casa de Aller Ulloa en 1934: Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Parga Pondal, Ferreiro Panadeiro, Fernández Osorio, Fernández Cochón, Vicente Risco, González-García Paz, Taboada Roca, Pedret, Carro, Fraguas, Ledo, Isla Couto, López Cuevillas e Ramos Colemán (Arquivo MPG-AFF).

Sen títuloTodo o traballo intelectual de Antonio Fraguas ten como meta facer visible e dignificar a nosa cultura. Isto foi algo que aprendeu e partillou coa xente do Seminario de Estudos Galegos (SEG). De aí ese “disposto a servir” e “membro de todo”, pois había moito por facer e moitos temas que tratar para actualizar a cultura e situala en paralelo coas súas contemporáneas, actualizala sen perder os referentes do propio. Isto tiña que ir en liñacun proxecto político, de aí tamén o seu compromiso co galeguismo.

Etnógrafo, antropólogo?

Que foi Fraguas? Un folclorista, un etnógrafo, un antropólogo? Hoxe falamos de folclore, etnografía, etnoloxía, antropoloxía social e antropoloxía cultural. Nunha vista aérea rápida podemos dicir que antropoloxía social e cultural son o mesmo, pero en orixe localizadas en tradicións culturais distintas: a británica e a americana. Folclore, etnografía e etnoloxía serían como distintos pasos nun camiñar histórico cara á antropoloxía que se fai hoxe. Estes pasos teñen diferentes percorridos segundo as distintas tradicións culturais sobre as que se trazaron os camiños.

Cando a mirada sobre nós empezou a abrollar, coa xente do Rexurdimento e até a aparición das Irmandes da Fala, o termo usado era folclore. Mais as xentes do Seminario de Estudos Galegos (SEG) deron un paso adiante, tratando máis temas e dando un novo enfoque a estes estudos, enfoque que ía polo camiño de crear coñecemento para avanzar socialmente, para que Galiza fose un país cun sistema cultural normalizado. Xa non se chamaban folcloristas, senón etnógrafos. Actualmente empregamos mellor a palabra antropoloxía e os antropólogos de hoxe traballan sobre os temas que Fraguas tiña tratado. Que cambiou? O marco teórico, o enfoque metodolóxico e a amplitude de temas. Os cambios de nome van en consonancia cos tempos, o que non cambia moito é o obxecto de estudo: a cultura e a sociedade como un todo.

Os anos do SEG foron de intenso activismo cultural, de documentar para arquivar, para gardar memoria deses feitos e poder ser usados nun futuro

Así, Fraguas puido facer etnografía, mais o que el fixo no seu tempo hoxe chamámoslle antropoloxía. É mais, agora que se fala tanto de patrimonio inmaterial, o traballo de Fraguas podemos situalo en paralelo a moita da literatura que na actualidade se fai sobre o patrimonio. O que hoxe chamamos patrimonio inmaterial a xente de SEG chamáballe “cultura espiritual”. En consecuencia, unha parte da obra de Fraguas, como doutra xente do seu tempo, está dentro do campo que hoxe chamamos antropoloxía. El non fai uso desta palabra, porque no Estado español identificábase cos estudos de antropoloxía física. Tan só no prólogo á segunda edición de La Galicia insólita (1990) di que vai facer “unha exposición de temas de antropoloxía cultural”.

Unha antropoloxía da“construción da nación”

Mais non debemos falar do autor e da súa obra sen situalo no seu tempo. Seguramente o traballo intelectual de Fraguas sería distinto se non tivese como profesores a Lousada Diéguez ou a Castelao, se non tivese por compañeiro e amigo a Sebastián González García-Paz. Son estes nomes o que o levan a formar parte do SEG, onde entra en novembro de 1928. É nesta institución creada pola sociedade civil onde aprende a traballar “por e para Galiza” e facer as cousas por amor e xenerosidade.

Coma outros dos seus coetáneos, non vai traballar só nun determinado campo. No SEG implícase coa Sección de Etnografía e Folclore que dirixía Vicente Risco, mais vai colaborar coas de Prehistoria, Historia e coa de Historia da Arte. Participará en diversas xeiras, como a do Deza ou Terra de Melide e colaborou co museo que esta institución quería levar adiante, porque entendía que un museo era vital para crear unha mirada propia e prestixiar a cultura que gardaba o pobo. Participa na catalogación de castros e mámoas, polo que fai tamén traballo arqueolóxico, pero ao mesmo tempo fai traballo de campo etnográfico e recolle lendas, é dicir, está interesado na interpretación ou construción que do pasado facía a sociedade labrega, vendo nesta tradición unha fonte histórica e de continuidade, que une a prehistoria co presente.

Esta mirada ao pasado parte da idea de que a identidade está asentada sobre a permanencia nun territorio e con continuidade reprodutiva das xentes nel. Capacidade reprodutiva que implica igualmente os rituais que, entón, teñen carácter social. A identidade era entendida como a continuidade dun pobo a través da historia. O enraizamento no pasado, que busca por exemplo cando estuda as romarías, era sinónimo de continuidade e estabilidade, porque o persistente ao longo do tempo, a “tradición”, é un exercicio de identidade. O estudoso irlandés Ó Giolláin compáraa co canon en literatura, como algo acreditado e que dá seguranza.

A antropoloxía é un saber útil e necesario para xerar coñecemento social e camiñar cara a un futuro mellor

Incide en aspectos no que a xente mostra cooperación, solidariedade e creación colectiva, cando partillan traballos en común. De aí o seu tratamento dos seráns ou fiadeiros, pero tamén das romarías como unha expresión dunha cultura colectiva.

Para situármonos no contexto internacional da antropoloxía, e facendo uso da división que fai George Stocking, diremos que no SEG facíase antropoloxía da “construción da nación”, fronte á da “construción do imperio”de, por exemplo, Inglaterra. Isto lévanos a situármonos nunha tradición que procuraba afondar no particular e non demostrar a suposta superioridade dunha cultura sobre outra, nin ter unha misión “civilizadora” que cumprir.

Os do SEG foron anos intensos de activismo cultural, de documentar para arquivar, para gardar memoria deses feitos e poder ser usados nun futuro polos estudosos, pero tamén pola sociedade. Até aquí a obra de Fraguas, como a de Xocas, é toda en galego. Pero chega a barbarie, é apartado do ensino, anda fuxido un tempo, volve opositar onde lle din que por “rojo y separatista” non o aproban. Son anos escuros e de medo até que volve ao ensino público en 1950. Seguirá pescudando na nosa cultura, mais agora, ao igual que Xocas, non fará uso da lingua propia, porque o levantamento fascista e a ditadura puxo “remate ó canto na Galicia campesiña” e “todo se cubreu de tristeza”.

Se outros, como os irmáns Grimm coa recolleita de contos, axudaron a erguer os alicerces do folclore como saber social, o traballo e a recolleita de Fraguas e doutra xente do SEG acabaron por consolidar os estudos etnográficos no noso país. Hoxe os estudos antropolóxicos teñen pouca visibilidade na sociedade galega, mais entendemos que a antropoloxía é un saber útil e necesario para xerar coñecemento social e camiñar cara a un futuro mellor. Fraguas entendía que si era útil e necesarioafondar na cultura propia, a iso dedicouse toda a vida cal ”mesta abelliña”.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]

Comentarios