Morris: "A profesión está a piques de desaparecer. Por iso comezamos as mobilizacións"

Actores, atrices e músic@s deste país continúan a súa vaga de mobilizacións fronte a política de recortes do goberno galego en materia cultural. Após o feche no Gaiás, proseguirán con accións visando un cambio de rumbo da Consellaría de Cultura.
Antonio Durán Morris

En entrevista con Sermos Galiza, Antonio Durán "Morris", membro da Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, valora como positiva a unión do sector e pensa que está "ao final do camiño"

Como valora a actual situación no sector?

Estamos animados porque vemos que a profesión se concienciou. Todo segue paralizado. AGADIC segue sen un obxectivo claro a cumprir este ano, sen orzamentos e sen director. Nese sentido a valoración ten que ser mala.

Após as mobilizacións que vai pasar?

Non sabemos que pode pasar. Estas mobilizacións serviron para que se coñeza realmente fóra a situación na que estamos. Morrer de pé ou que leves un tiro na cuneta. A profesión está a piques de desaparecer. Por este motivo comezamos as mobilizacións. Estamos chegando ao final do camiño. O feche na Cidade da Cultura, toda aquela xente nun espazo como ese, clarifica moitas cousas.

Como foi a experiencia no Gaiás?

É unha imaxe bonita ver a xente unida. Moitos non subiron aínda e non saben nin o que hai. Estabamos enriba das dependencias de AGADIC, de onde sae toda a inactividade. Foi un deses momentos onde notamos a presenza de toda a xente que tiña algo que ver coa cultura.

"Hai unha represión ideolóxica cara ao sector cultural"

Seguen en pé os obxectivos da Plataforma?

Queremos que se saiba que non hai diálogo coa Xunta como eles din no Parlamento. A administración vai por un lado e a profesión vai por outro. Non é un problema de recortes, que tamén, vai máis alá: eles consideran o sector como algo que esta aí e, de cando en vez, cae algunha esmola. Hai unha represión ideolóxica cara ao sector cultural. Pasou cando non nos deixaron o teatro público para que fixéramos a asemblea.

Mañá entréganse os Premios da Cultura no Gaiás. A Plataforma das Artes Escénicas e Musicais solicitará o apoio de todos os sectores na súa loita?

A Asociación de actores e actrices xa estamos na Plataforma. É máis difícil a nivel empresarial. Tanto ten. É unha pelota que vai crecendo e o que importa é a unión. Imos medrar en xente para sermos aínda máis representativos. Foi o camiño que se escolleu e penso que será o que nos leve a bon porto.

Comentarios