Contracultura

Riveiro Coello: "Son relatos duros porque pretendo chegar ao fondo da condición humana, sen enganos"

Antón Riveiro Coello, escritor, vén de publicar Días de intemperie (Galaxia), unha obra de relatos onde a guerra é o fío condutor. Riveiro Coello aborda a situación de vulnerabilidade e de conflitos internos nas vítimas así como o impacto que ten nas persoas que len estas historias, xa que son situacións que, como el di, “nos obrigan a repensar capitalmente as nosas vidas”.
O escritor Antón Riveiro Coello (Foto cedida).
photo_camera O escritor Antón Riveiro Coello (Foto cedida).

Como xurdiu Días de intemperie'?

É un libro que compila unha serie de relatos que fun escribindo estes últimos anos e que pretende fechar un ciclo de catro libros que teñen de fondo a guerra: As rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes. Son libros que me fixeron medrar como autor e tamén como persoa porque me situaron en lugares que me eran alleos e que parten da dor, polo que tamén requiriron un maior esforzo de documentación. 

A particularidade que ten este libro é que hai varios conflitos presentes ao longo dos relatos. Son relatos duros porque dalgunha maneira pretendo chegar ao fondo da condición humana sen enganos, porque a natureza dunha guerra estraga todo o que sería unha vida normal e civilizada mesmo en comunidades que nunca imaxinarían que ían vivir un inferno semellante.

Tamén era facer de espello, porque nós tamén estamos nos outros e moitas veces non nos gusta escoitar destas experiencias extremas porque nos perturban e porque tamén nos obrigan a repensar capitalmente as nosas vidas, mais esa tamén é unha función da literatura, non só entreter.  

Por que centrar este ciclo nos conflitos armados?

A paz debería ser o ben máis prezado para o ser humano e debería ser impensábel que no século XXI continúe a haber guerras en distintas partes do planeta ou que se destine unha parte importante dos orzamentos a armarse militarmente. O máis terríbel das guerras dos últimos dez anos é que o 80% das vítimas son persoas civís, sendo unha porcentaxe altísima delas mulleres, crianzas e persoas maiores. Precisamente, o libro comeza co relato dunha nena en Ucraína e remata con outro relato de crianzas en Vietnam e non é gratuíto. Os relatos actuais da guerra non teñen nada que ver cos relatos das guerras de retagarda. 

Por outra parte, eu tamén quería colocarme na perspectiva das vítimas para facer ver que temos esa tendencia a convertelas automaticamente en heroínas cando non sempre é así. Quería reflexionar sobre a responsabilidade que teñen todas as persoas sobre os seus actos, porque non asumir isto tamén sería renunciar á súa parte humana. Primo Levi dicía que os monstros existen, mais que son demasiado pouco numerosos para ser verdadeiramente perigosos, mentres que as realmente perigosas son as persoas que están no mundo.

E diso tratan estas historias, dos monstros activos e tamén dos pasivos, que se mostran a través da covardía. É triste, mais as guerras devólvennos a bestialidade. Non nos gusta pensalo porque nos fai dano coñecer eses medos e esa vulnerabilidade que temos todas as persoas, mais tamén é unha forma de coñecernos e de situarnos no mundo.  

Alén das guerras, nos relatos tamén están presentes outros conflitos máis internos.

Hai cousas moi diferentes. Para moitos homes que foron recrutados, sobre todo na Segunda Guerra Mundial, á propia tensión do conflito sumábase a súa homosexualidade. Precisamente nun dos relatos decidín tratar o tema de forma directa nun personaxe no cal é esta orientación sexual o que o acaba salvando por determinadas circunstancias que se ven ao final da historia. 

A vinganza tamén está presente en moitos dos relatos a través de vítimas que se converten en asasinas, mais isto non borra a débeda que puidese haber, senón que a aumenta. Outro tema moi presente son os coidados, que recaen nas mulleres e en moitos casos nas nenas, tamén como unha forma de resistencia. E, por suposto, como en As rulas de Bakunin, o poder dos libros, que neste caso toma a forma dunha libraría que é a esperanza de moitas persoas que van alí para recibir o alimento que son os libros para que o conflito non as converta en bestas.

Comentarios