luns 17.02.2020

Antón Mascato diserta en Compostela sobre a represión fascista no Grove

A Agrupación Cultural O Galo organiza esta quinta feira no Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10, Compostela) a palestra Dereito a saber. Liberdade de investigar e divulgar, a cargo de Antón Mascato, autor de  Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948), publicado por Edicións Positivas. 

Antón Mascato
Antón Mascato

A Agrupación Cultural O Galo organiza para esta quinta feira no Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10, Compostela) a palestra Dereito a saber. Liberdade de investigar e divulgar, a cargo de Antón Mascato, autor de  Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948), publicado por Edicións Positivas. 

Ademais do propio autor, intervirán os historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Carlos Méixome, nun acto que contará coa presentación de Suso Domínguez, como representante da Agrupación Cultural O Galo.

A obra de Mascato recolle a historia política do período máis convulso da vila do Grove, aínda que trascende a memoria local para converterse nunha crónica que se pode extrapolar a calquera outra comunidade.

Como sinala o propio autor, O Grove é "un lugar onde encontramos todas as tipoloxías do que aconteceu arredor de 1936: perseguidos, inmoladados con nocturnidade e á luz do día; sobreviventes do seu propio asasinato; sacas colectivas, requisas e roubos; listas negras; consellos de guerra; cadeas perpetuas; fusilamentos; resistencia armada; guerrilleiros no monte; presos en campos de concentración; torturas, desafiuzamentos; rapina en sede xudicial; fuxidas colectivas en barco; agochos no monte e no mar; redadas; abatementos en aplicación da lei de fugas; desercións; exiliados, abusos físicos e sexuais… toda a maldade posíbel".

Porque, como explica Antón Mascato nunha entrevista en Nós Diario, O Grove é un "lugar diferente, no que o anarquismo tiña moita forza entre os traballadores do mar, o Partido Comunista xa tiña células activas nos primeiros anos de 1930, os socialistas tiñan unhas mocidades moi dinámicas e había un republicanismo forte en evolución continua, que rematou confluíndo en Esquerda Republicana".

Intentos de censura

Como xa acontecera no caso do historiador Dionisio Pereira e a familia dun falanxista de Cerdedo-Forcarei, a resultas da publicación de traballos de investigación da memoria do Grove en medios de comunicación Antón Mascato recibiu "intentos de censura" de prensa e "as ameazas dos fillos dun dos responsábeis da persecución, sinalado como tal por diversas fontes", e ao que define como o "alcalde das ditaduras", xa que tivo ese cargo durante toda a ditadura de Primo de Rivera, no Bienio negro, e nos anos de 1940 e 1941.

A mesma familia dese alcalde denunciou un blog no que se recollían as memorias dun militante comunista, Ramón Garrido Vidal, exiliado en Francia. Como resultas da denuncia, un xuíz ordenou "a retirada do mesmo sen escoitar á outra parte, a pesar de ser un dominio francés sobre o que non tiña competencias".

O autor "non" comprende a quen "desde a súa militancia reaccionaria pretende manter silenciadas as atrocidades cometidas pola súa familia, apelando á honra de quen non a tivo en vida". 

"O que non podo entender é a quen cre que non hai dereito a investigar, saber e divulgar o resultado dese coñecemento amparándose na honorabilidade dos seus e esquecendo a dor profunda das familias desfeitas. É a dobre impunidade. Seguramente nas súas casas non se falaba do que acontecera, pero nas casas das vítimas si, porque a maioría temos familiares represaliados", conclúe.

comentarios