Antón Lopo, “O Crânio de Castelao” é un proxecto literario insólito”

O escritor Antón Lopo é o autor do terceiro capítulo de “O crânio de Castelao” a novela da lusofonía por entregas que se está a publicar no semanario Sermos Galiza. A súa participación na trama comeza no número que está nos quiosques. 

Antón Lopo
photo_camera Antón Lopo

Escritor e xornalista, o perfil artístico de Antón Lopo é amplo e xeneroso, sen reparar en exceso nas definicións nin na división de disciplinas. Nun escenario cun espectáculo performático ou presentando unha exposición plástica da súa autoría, pode ser que ningún soporte nin disciplina do ámbito da cultua lle sexan xa alleos. Da súa autoría é o terceiro capítulo de “O crânio de Castelao”, o proxecto colectivo no que partillou e do que agora nos fala. 

Como lembra a experiencia de ter participado nesta novela colectiva? 

O proxecto xurdiu a raíz do encontro “Latim em pó” no que se xuntaron escritores da lusofonía e o ambiente que se creou foi dunha grande camaradaxe. Uninme porque me parecía unha iniciativa moi interesante. A convivencia fora marabillosa e permitírame coñecer escritores cos que non tiña relación até entón. A idea era singular e pareceume simpática e evocábame ás películas de James Bond, concretamente a “Casino Royale” dos anos setenta na que colaboraban varios directores e actores. Unha historia un tanto caótica no formato, pero cun resultado final marabilloso. Ademais, cando vin o primeiro capítulo convidoume aínda máis a participar. 

Como valora que Castelao protagonizara en certa medida a trama?

Acordeime dunha frase que tempo antes pronunciara un dos escritores participantes, Suso de Toro, cando dixera aquilo de “fagamos hamburguesas coa moña de Castelao”. Gústame a idea de facer relecturas de figuras consagradas. Hoxe Castelao e en concreto libros como “Sempre en Galiza” teñen máis vixencia que nunca e a propia desacralización axuda a unha lectura máis proveitosa da súa obra. 

Son escritores de catro continentes cunha liña creativa variada, a obra ten unidade?

O traballo de Carlos Quiroga, promotor da idea, é fundamental. Sen el non tería existido, indubidabelmente. Deulle coherencia ao proxecto e o resultado é singular, a variedade da escrita dos autores non impede que a trama teña continuidade. Trátase dun proxecto único. Para nós foi unha sorte contribuír para esa novela coral mais tamén os propios autores de fóra manifestaban que esta iniciativa literaria era insólita. 

Como escritor, que posibilidade considera que abre pertencer a unha comunidade como a lusófona? 

Defendín que a aproximación ao mundo da lusofonía tiña que terse feito desde hai moito tempo. Foi mágoa que isto non fose aproveitado cando se desenvolveu a normativa. O uso da grafía portuguesa para os sons que tiñamos en común podería ter facilitado a comunicación nese ámbito lusófono. Foi, sen dúbida, unha oportunidade desaproveitada e estamos aínda en tempo para rectificar porque as ventaxas son moitas.  leva tanto iso de rectificar

Comentarios