Antón Lopo chega con “Lampíricos” a Lugo

O creador Antón Lopo achega co seu espectáculo Lampíricos á cripta da Deputación de Lugo esta quinta feira día 5 e a sexta día 6 de xuño ás 21 horas. A luz, o corpo, a imaxe, a poesía e a música entran no xogo da arte total na última proposta do escritor e artista. 

Despois dunha xira por Marrocos e Andalucía, Antón Lopo aterra co seu espectáculo Lampíricos en Lugo, onde ofrecerá a súa proposta artística ao público os días 5 e 6 ás 21 horas, nun espazo especialmente acaído para o  seu proxecto, a cripta da Deputación de Lugo. 

Os textos de Lampíricos nacen dunha estadía en Essaouira, apegados á experiencia do sufismo marroquí. Trátase, segundo a presentación da proposta,  dunha “paisaxe de impulsos e sentimentos que atrapa o espectador-lector nunha acción implacable”. Aí está Antón Lopo, en escena, coa poesía feita corpo e expresión, nun espectáculo, en certa maneira, herdeiro do anterior Prestidixitador, das novas formas de indagar deste “poeta disconforme, dismoderno”, como el se define. 

“Máis que nunca é necesario sacar a luz que temos, que sexamos autónomos coa nosa luz para crear constelacións conxuntas” explica Lopo que, a través da iluminación -que el mesmo porta- permite ver e ser visto. Proposta híbrida a de Lopo, conxunción de linguaxes e xéneros, intervención a través da poesía que se expresa non só en palabras. “Estou aquí pola urxencia, eles están armados” comenta. E quen son eles? “Eles son os que teñen os fondos de futuro, os que estiveron especializando a especie na especulación, na violencia, os que disparan, os que saquean”. 

O proxecto "autónomo"

O artista radical volve á escena poética con Lampíricos, un traballo no que as linguaxes conflúen da mesma maneira que se foron dando a man na súa traxectoria. “Formei parte dun grupo de música, fixen performance, son novelista e poeta, traballei de xornalista... este proxecto dáme a posibilidade de ser autónomo” comenta Lopo e é esa “independencia” artística a que se aprecia na performance, co protagonismo do seu corpo e a súa creación, mais tamén na exposición, na que se recolle parte do seu percorrido plástico, desde a serie Accións até a experiencia Dentro, que se expuxo na Casa da Parra. 

Como unha “viaxe do máis abstracto ao concreto” deste home ao que, como xornalista, lle gusta observar a sociedade, e que constrúe a través da poesía un proxecto no que se entrelazan terror e acción. “Vivimos unha época de terror, de medo tamén que compre superar, e iso require á súa vez acción” explica o poeta desde a súa “dismodernidade” na que afonda, máis unha vez, no concepto de identidade, da atomización e o individualismo dos nosos tempos que compre unir para fundar un proxecto común. 

Lampíricos estreouse na galería Dispara da Estrada para logo, comezar unha xira que o levou a Santiago, Marrocos ou Andalucía.

Comentarios