Antón Bao: “A crise fai que este San Froilán sexa aínda máis popular e participativo”

Na fin de semana grande de San Froilán, o tenente alcalde do Concello de Lugo e responsábel de festas Antón Bao, debulla os segredos de como se artella a cita festeira máis importante do outono galego. A crise fai, segundo explica, que esta edición sexa aínda máis popular -con todas as actuacións de balde- e participativo, cunha maior colaboración do comercio e a hostelería.
Antón Bao, tenente alcale de Lugo
photo_camera Antón Bao, tenente alcale de Lugo

Foi difícil este ano cadrar os números?

Pois a verdade é que non foi doado. Reducimos o orzamento das festas en máis de 100.000 euros porque nesta situación de dificultade a prioridade é atender á xente que o está a pasar mal e quixemos adicar máis cartos a servizos sociais e menos a festas. Penso que nestes momentos esa é a obriga de calquera Goberno responsable. Nós aforramos 6.500 euros na iluminación ornamental das rúas, 12.000 euros nos equipos de son para os concertos, etc., e estivemos negociando duramente ata o ultimo momento para conseguir os mellores concertos aos mellores prezos. Ademais, este ano todos os concertos e todas as actividades serán de balde para que poidan desfrutar das festas tamén todos aqueles cidadáns que están no paro ou que o están a pasar mal pola crise. É moita xente, son xa préto de 10.000 persoas na nosa cidade as que non teñen traballo.

Tamén este ano se pedíu dende o Concello aos hostaleiros que colaboraran.

Si, por primeira vez pedíuselles de xeito oficial que colaboraran. Parece lóxico e razonable que aqueles sectores que sacan un maior beneficio das festas colaboren no seu financiamento. A cidadanía así o demanda. Enviáronse un total de 3.000 cartas a todos os bares e restaurantes da cidade e aos comercios da zona centro por ser os negocios que máis se benefician das festas. Na carta o Concello pedíalles que colaboraran na financiación das festas facendo unha aportación de 200 euros no caso negocios de hostalaría e de 150 no dos comercios. A aportación foi voluntaria pero entregóuselles a todos aqueles establecementeos que colaboraron un distintivo oficial para colocar nos seus escaparates que os identifica como establecemento colaborador co San Froilán 2012.

Que destacaría do programa?

O San Froilán 2012 presenta un ano máis un programa variado coa intención de que haxa música de todos os estilos e para todos os gustos. Por exemplo, Bigott, que actuará o luns 8 na Praza de Santa María e que vai ser un dos grandes descubrimentos musicais deste San Froilán co seu rock transgresor; ou Che Sudaka, o grupo arxentino-colombiano afincado en Barcelona e que nos seus 10 anos na música acumula préto de 1.000 concertos en 30 países que actuará o día 11 na Horta do Seminario; ou La Casa Azul, un dos grupos de moda actualmente da música xuvenil e que estará o 12 na Horta do Seminario; pero hai moitos máis: Siniestro Total, Carlos Jean, o cantautor portugués António Zambujo, Vendetta, El Dúo Dinámico; e por suposto, os mellores grupos galegos.

Como valora a presenza da música galega?

Ao igual que o ano pasado seguimos apostando por que o San Froilán reúna aos mellores grupos galegos (Leilía, Sondeseu, Malvela, Emilio Rúa, Sés, Víctor Aneiros Blues Band, etc) por varias razóns. A primeira, porque queremos que a música galega teña presenza nas festas pola súa calidade e pola súa variedade e a segunda, porque é unha responsabilidade, por parte das administracións galegas, apostar polos músicos e polas formacións musicais do país que están a pasar, como moitos outros sectores, un mal momento por mor da crise económica. Queremos que os cartos dos impostos dos lugueses e luguesas queden en Galiza. Tamén por iso, ademais dos grupos galegos tamén terán presenza nas festas un importantísimo número de grupos de Lugo, de todos os estilos, que actuarán como teloneiros dos principais grupos do programa, co que tamén lles servirá, ademais de para actuar na súa cidade, como prestixio de cara a abrirse camiño.

Sorprendeu que este ano o cartel fora escollido por votación da xente.

Sempre defendimos que o San Froilán é a festa de todos os lugueses e luguesas e como tal toda a cidade se debía sentir implicada na súa organización. Por exemplo, o cartel das festas escolleuse polo voto popular, coma bem dis. O deseño de Joaquín París Varela que leva por título A cada polbo lle chega o San Froilán foi escollido entre os 137 carteis presentados este ano a concurso e recibíu 747 votos dun total de 2.128 votos emitidos polos cidadáns. Ademais, dende finais de xullo todos os lugueses e luguesas que quixeron puideron facer chegar ao Concello suxerencias e aportacións para o programa das festas e deixar constancia das súas preferencias en canto a artistas ou grupos para as actuacións musicais. Chegaron distintas protostas, un total de 260, e tentamos ter en conta todas aquelas que foi posible por cuestión de datas ou do propio caché dos artistas propostos. O grupo que máis peticións tivo, máis de 80, foi o grupo lucense En Clave de Fado, que actuará o venres 12 na Praza de Santa María. Outros grupos que virán este ano, como Siniestro Total, Malvela ou a orquestra Panorama tamén foran pedidos pola xente.

Implícase logo a cidade nas festas?

Son moitas as asociacións e colectivos que colaboran, o que merece un recoñecemento. Dende asociacións como A Volta do Agro ou Cultura do País, que colaboran nos festivais de Campo Castelo; Cantigas e Flores e a Asociación de Gaiteiros Galegos que colaboran nos actos do Domingo das Mozas; a Asociación de Ximnasios e a Banda Municipal, que farán actividades gratuítas no Parque Rosalía; o Conservatorio e as escolas de Danza, que farán a apertura de portas da Muralla; a asociación de antigos alumnos de Artes, que organizan a Feira Medieval; os magos de Lugo, que participarán nas galas de maxia; os grupos de música da cidade, que tocarán todos os días, e un longuísimo eccétera que fan que o San Froilán sexan as festas de todos.

Comentarios