martes 11/05/21
Acto da Sociedade Medulio sobre Carvalho

O antigo Hospicio de Ferrol acolle a proxección de 'Tempo de esperanza'

En conmemoración do pasamento de Ricardo Carvalho Calero preséntase un audiovisual que recolle a entrevista de Francisco Salinas, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega ao profesor en 1989.
carvalhocalero
Ricardo Carvalho Calero. (Foto: Nós Diario)

A Sociedade Cultural Medulio e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) presentan a nova versión do vídeo realizado en 1989 por Francisco Salinas no que entrevista Ricardo Carvalho Calero.

A proxección insírese na xornada “Carvalho, lingua e terra” que promove a Federación Galiza Cultura no cabodano do autor das Letras Galegas de 2020.

Tempo de esperanza (Carvalho Calero na súa propia voz) é o título deste audiovisual de 35 minutos, que se proxecta esta quin ta feira ás 20:00 horas no antigo Hospicio de Ferrol e que vai ser retransmitido en liña a través da canle de Youtube de Galiza Cultura.

O propósito do vídeo en 1989 era a súa divulgación no ensino non universitario, mais entón aparecía só unha pequena parte das máis de tres horas de gravación. A entrevista completa foi obxecto dun libro en 1991 e unha copia da conversa quedou en depósito no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

En 2020, os profesores Xoán Costa e Francisco Rodríguez recuperaron o material e realizaron unha nova versión, centrada na resposta de Carvalho, “na súa propia voz”, arredor de 20 temas de interese.

Evento en liña da Federación Galiza Cultura

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura tamén honra a memoria do profesor Carvalho Calero no seu cabodano e faino coa proxección en liña dunha conferencia na que tomaron parte María Victoria Carvalho-Calero Ramos, filla do autor, o catedrático de Lingua galega Manuel Castelao e a profesora da Universidade da Coruña (UDC) María Pilar García Negro. Posteriormente os dous profesores participarán no coloquio que se levará a cabo sobre a figura do profesor Carvalho Calero.

Ademais, desde Galiza Cultura ponse especial interese na divulgación da figura de Carvalho Calero nos centros de ensino e por iso “editamos unha banda deseñada da autoría de Pepe Carreiro, que se distribúe gratuitamente, a disposición pública na nosa web”, comunican.

comentarios